O coronavirus muda o Combate Naval de Vilagarcía: haberá espectáculos tamén en Vilaxoán e Carril
Por Redacción
A pesar da COVID-19 e das restricións que impón para a celebración de festas, o Concello de Vilagarcía non quixo renunciar a un dos eventos máis representativos do seu verán: o Combate Naval. Iso si, haberá moitos cambios con respecto a anos anteriores.
O máis importante é que, para evitar aglomeracións, cambiará a estrutura do combate e haberá espectáculos pirotécnicos simultáneos en Vilagarcía, Vilaxóan e Carril.
Así, para dispersar aos espectadores, os fogos de artificio lanzaranse en Vilagarcía dende o peirao do Ramal, e en Carril e Vilaxoán, dende os seus respectivos peiraos.
Ademais, todos os elementos pirotécnicos serán aéreos para facilitar a súa visibilización dende unha maior área xeográfica. Non haberá fogos acuáticos nin terrestres polo que a xente non terá que achegarse nin concentrarse nas zonas próximas aos puntos de lanzamento.
A duración do Combate Naval tradicional en Vilagarcía varía entre os 22 e os 28 minutos. Nesta ocasión, e dado que haberá espectáculo en tres puntos diferentes, a duración mínima será de 15 minutos en cada un deles, para o cal deberán utilizarse uns 785 quilos (netos) de pólvora.
Todas estas especificacións están recollidas no prego que o Concello vén de sacar a licitación para contratar o espectáculo pirotécnico con que se pecharán as festas de San Roque 2020 o día 22 de agosto. O Concello destina ao espectáculo pirotécnico 39.930 euros.
A concellería de Cultura ultima estes días o programa das festas de San Roque, unha programación que estará adaptada á "nova normalidade" con fórmulas e propostas que fan compatible a realización dunha oferta lúdica e de divertimento coas normas de seguridade contra a COVID. O programa presentarase nos vindeiros días.