O verán é para arranxar bicicletas en Poio
Por Redacción
O Concello de Poio a través da concellería de Mocidade e Benestar Social pon en marcha un taller de arranxo e posta a piques de bicicletas que se atopan en desuso. Desta forma, a concelleira Rosa Fernández anima a que a poboación do municipio saque este verán as súas bicicletas esquecidas dos garaxes e faiados para poñelas a punto e utilizalas aproveitando o bo tempo.
Neste taller, segundo indican desde o goberno local, poderán participar tanto nais, pais como menores e vai desenvolverse a través de tres sesións repartidas nos días 22 de xullo, 5 e 19 de agosto. O horario establecerase entre as 17.00 e as 19.00 horas ao aire libre, na leira do centro social da Casa Rosada.
As persoas interesadas, segundo o aforo, poderán elixir participar nas tres sesións de preparación das bicicletas ou só nalgunha delas.
O custo para participar é de 5 euros por sesión. A organización poñerá os materiais e as ferramentas necesarias para saír coa bicicleta nas mellores condicións posibles.
Para solicitar información ou para inscribirse, as persoas interesadas poden poñerse en contacto chamando ao teléfono 986.872.401 ou a través do correo electrónico xuventude@concellopoio.org.