O PSOE pontevedrés recoñece que "non cubrimos as expectativas" e chama a una reflexión "con calma"
Por Natalia Puga & Cristina Saiz
O resultado electoral deste domingo 12 de xullo non era o esperado na agrupación socialista de Pontevedra, que confiaba en que entraran no novo Parlamento galego dous dos seus integrantes, Paloma Castro como número 3 da lista pola provincia e Rafael Cotelo no número 9. Finalmente, tan solo a actual concelleira de Igualdade e Benestar Social logrou un escano na Cámara, pois o PSdeG sumou na provincia 5 únicos deputados.
Estes cinco escanos son un máis que hai catro anos, pero Maica Larriba, secretaria local do PSOE, recoñeceu que "non cubrimos as expectativas", que eran "moi altas e moi esperanzadoras". A desilusión chega porque o seu obxectivo era Galicia, pero, como pontevedreses, si se consideran "satisfeitos" dos resultados na provincia.
O actual portavoz do PSOE no Concello de Pontevedra e tenente de alcalde, Tino Fernández, tamén recoñeceu esta decepción desde o ‘cuartel xeral’ socialista instalado no Cafetín de Pontevedra. "Sufrimos un estancamento mentres que o BNG é capaz de arrastrar todos os votos da Marea para os seus postulados, o que fai subir moito" asumiu, despois de felicitar ao PP pola súa "vitoria democrática" aínda desde a "discrepancia máis absoluta" cos seus postulados políticos.
Aínda que en Pontevedra se melloraron resultados, recoñece que é necesario "reflexionar" sobre a situación, unha reflexión "con calma", porque "non hai que tomar as cousas en quente", senón que as decisións en quente "poden non ser as adecuadas".
A xa nova deputada, Paloma Castro, tamén recoñece que "o resultado non foi obviamente o esperado" e que estes días haberá tempo para "analizalo", pero quixo insistir en dar as grazas á militancia e o traballo do seu partido, que lles permitiu mellorar resultados.
Tamén aproveitou para prometer aos pontevedreses que, desde o Parlamento, "vou traballar a reo desde a oposición para que a voz de Pontevedra se escoite no Parlamento galego" e que vai "fiscalizar moi de cerca" a Alberto Núñez Feijóo para "evitar que continúe a discriminar a nosa cidade e a nosa provincia".
Esta nova etapa de Paloma Castro supón un cambio no grupo municipal, pois renunciará á súa condición de concelleira e entrará na Corporación Marcos Rey. Nos próximos días será oficial e suporá "recompoñer" o grupo municipal e "redistribuír as competencias". As de Igualdade vainas asumir Yoya Blanco, actual concelleira de Promoción Económica e, polo demais, segundo indicou este domingo Tino Fernández "non vai haber grandes cambios".
Relacionadas:
-
Despedida entre bágoas de Paloma Castro, que deixa o Concello para abrir unha nova etapa no Parlamento
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
Paloma Castro despídese "satisfeita" coa resposta rápida que Benestar Social deu ás necesidades marcadas pola Covid-19
Por Anxo Lourido & Cristina Saiz |
-
O PSOE presume de resultados "más que aceptables" o 12X na provincia, pero chama á "reflexión profunda" a nivel Galicia
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Vitoria do PP na cidade de Pontevedra cun BNG que case duplica os seus votos
Por Alejandro Espiño |
-
Un deputado en Pontevedra, en liza entre PP e PSOE polo voto emigrante
Por Alejandro Espiño |
-
Luís Bará e Fernández Lores celebran coa militancia "o mellor resultado da historia do BNG"
Por Anxo Lourido & Cristina Saiz |
-
Un imbatible Feijóo logra a súa cuarta maioría e Ana Pontón leva ao BNG a cotas históricas
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada