Deteñen por estraperlo un veciño de Bueu que levaba no coche 104 gramos de haxix
Por Redacción
A Garda Civil detivo este xoves 15 de agosto a un mozo de Bueu como suposto autor dun delito contra a saúde pública por tenza e suposta venda de estupefacientes a pequena escala. Mostrouse nervioso durante un control policial e levaba no coche 104 gramos de haxix en landras.
O detido é R.P.R., de 19 anos de idade e veciño de Bueu, e a súa detención enmárcase nas actuacións que realiza a Garda Civil "para erradicar a venda e tenza de substancias estupefacientes na provincia", segundo informou o Instituto Armado nun comunicado.
Unha patrulla fiscal da Garda Civil de Marín interceptou en Bueu o vehículo Volkswagen Golf conducido polo detido e único ocupante cando saía marcha atrás dunha rúa sen saída. Cando procederon á súa identificación, mostrou un estado de nerviosismo que fixo sospeitar aos axentes, de modo que procederon a inspeccionar no interior do turismo.
No coche localizaron sobre o asento dianteiro dereito unha faldriqueira en cuxo interior había 10 landras de haxix, que, unha vez intervidas, deron un peso aproximado de 104 gramos.
O rapaz, que carece de antecedentes policiais, foi detido e, tras prestar declaración ante a Garda Civil, foi posto en liberdade coa obriga de presentarse ante o Xulgado de Instrución número 1 de Marín cando o requiran.