O temor a unha crise económica frea o desexo de comprar unha vivenda no rural que disparou o confinamento
Por Manu Otero
Poucos guionistas poderían imaxinar unha historia na que a poboación de todo un país tivese que pasar tres meses encerrada nos seus domicilios por unha pandemia mundial. Está a ocorrer no 2020 e a moitos os deixou confinados en pisos pequenos e sen xanelas exteriores. O medo a un rebrote e a posibilidade do decreto dunha nova corentena está a acentuar a demanda de casas con xardín e relativamente afastadas das grandes concentracións das urbes.
Primeiro foi o Colexio de Arquitectos de Pontevedra o que confirmou o crecente interese por este tipo de solares despois do estado de alarma. Agora son as propias inmobiliarias as que recoñecen este repunte de consultas para a compra de casas no rural. Con todo, outro medo distinto, o dunha crise económica, fai que boa parte destas operacións acaben en nada.
"Afecta máis a incerteza económica que o medo a un novo confinamento", sinalan desde Fincas Carro. "Si que é certo que existe un repunte na demanda deses bens, pero o proceso de encaixar os prezos é longo", puntualizan desde a Axencia da Propiedade Inmobiliaria Javier Tovar. "Hai oferta pero moitas veces non coincide co que se demanda", engaden desde Unika.
É esta última variable a que marca a diferenza entre o peche e a ruptura das negociacións porque "moita xente busca unha casa non moi afastada de Pontevedra, se poden chegar andando ao centro mellor, lista para habitar e a prezo de rural. E iso xa é un imposible", comentan desde a mesma empresa.
A pesar deste crecente interese, explica o xerente a firma de Javier Tovar que "os prezos se manteñen porque xa era un mercado pouco dinámico". Neste sentido, aseguran que no termo municipal de Pontevedra poden adquirirse casas habitables e con terreo por cantidades próximas aos 180.000 euros, pero por norma xeral non adoitan atoparse nas localizacións máis atractivas.
"En Pontevedra hai zonas máis quentes e máis frías", contextualiza Tovar antes de sinalar o tramo entre Pontevedra e Sanxenxo, así como as zonas de Salcedo ou O Marco como as que maior interese xeran.
Confesaban esta semana desde o colectivo de arquitectos, no acto de firma dun convenio entre o Colexio e o Concello, que as consultas para a rehabilitación de vivendas disparouse nas últimas semanas. Unha afirmación que non desmenten desde Fincas Carro, pero que si matizan. "Nesta época de verán sempre sobe o interese por ter unha casa con terreo. O confinamento puido ter certo arrastre, pero no verán as vendas sempre soben", subliñan.
De feito, o temor a unha recesión económica derivada da pandemia que poida facer crecer as cifras de paro que brotan desde os círculos políticos e empresariais están a penalizar esta clásica campaña inmobiliaria de verán. "Estamos a atemorizar á xente", confesan desde esta inmobiliaria convencidos de que os clientes está máis preocupados por non poder pagar unha hipoteca que por volver ser confinados.