Para chegar ao depósito de Sixto xa non fará falta o tractor
Por Redacción
Ata o depósito de Sixto, na Canicouva, ata o de agora só se podía acceder en tractor. Para chegar a esta instalación, que abastece a uns 345 domicilios de Ponte Sampaio, había unha pista de terra en malas condicións. Pero o Concello iniciou os traballos para mellorala.
A comunidade tiña que subir garrafas de 25 litros de cloro e os materiais de limpeza e mantemento do depósito para garantir as medidas sanitarias da auga a través dunha pista nunha situación moi precaria.
Dado que non era viable o acceso a través de turismos ao lugar, un veciño con tractor era o encargado de subir o abastecemento de cloro e o material preciso.
Ademais, cada día teñen que facer análises e controis de nivel da auga no depósito, así como revisar o nivel de cloro e que o abastecemento funcione correctamente.
A situación era especialmente penosa no inverno, dado que a vía de terra estaba frecuentemente anegada o que obrigaba aos veciños a subir con roupa e calzado de auga, xa que había moitos empozamentos.
Con esta actuación, á que se destinan uns 37.500 euros, vaise a asfaltar o camiño.
O edil Raimundo González considera que é unha mellora "substancial" que facilitará o mantemento diario desta instalación "fundamental" para a vida diaria das familias do lugar.