Os termómetros chegarán aos 34 graos durante a xornada electoral do domingo nas Rías Baixas
Por Redacción
As Rías Baixas continuarán coa influencia anticiclónica durante os próximos días. Os ceos manteranse despexados en xeral. As temperaturas durante a xornada deste xoves 9 manteranse entre os 18 e os 29 graos, con ventos de compoñente norte frouxos con intervalos moderados, segundo o servizo de Meteogalicia. A temperatura das augas vai estar situada ao redor dos 15 graos no litoral atlántico.
O venres espérase a chegada dos restos dunha fronte que rozará o norte de Galicia. En toda a zona sur, os ceos manteranse despexados. As temperaturas mínimas experimentarán un lixeiro descenso e situaranse entre os 17 e os 29 graos. Os ventos soprarán frouxos do nordés con intervalos moderados no interior.
A partir do sábado, Galicia continuará baixo o dominio das altas presións situadas ao sur de Irlanda. Os ceos continuarán despexados en xeral, coa posibilidade dalgún chuvasco tormentosos nas zonas de interior da comunidade. O vento soprará do nordés con temperaturas máximas que ascenderán aos 34 graos.
E o domingo, xornada electoral, a influencia anticiclónica permanecerá nas Rías Baixas. As temperaturas experimentarán un lixeiro ascenso para establecerse entre os 18 e os 34 graos, con vento que seguirá soprando frouxo do nordés.
Esta tendencia permanecerá durante a próxima semana con tempo seco e estable na provincia de Pontevedra.