Posta a punto dos campos de petanca e chave de Xeve e o Centro Sur para a 'nova normalidade'
Por Redacción
As pistas de petanca e chave da parroquia de Santo André de Xeve e o Centro Sur, no barrio de Campolongo, quedarán en perfectas condicións de uso despois dunha serie de actuacións que acaba de poñer en marcha o Concello de Pontevedra e que quedarán rematadas en cuestión de días, para preparar os recintos para a 'nova normalidade' tras meses de peche pola pandemia.
Segundo a información facilitada polo tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, e o edil de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, as primeiras actuacións xa se iniciaron nos campos de xogo de Xeve (un de petanca e un de chave) e terán continuidade nos vindeiros días no do Centro Sur (de petanca con chave).
As intervencións contemplan a roza e limpeza das zonas exteriores das pistas, o lixado da madeira existente nos campos e a aplicación dunha man de lasur, o escarificado das zonas de xogos e a retirada das raíces e maleza existentes nas mesmas.
Tamén se realizará o compactado e nivelado dos campos, así como un tratamento antiherbas para atrasar a súa reaparición e no orzamento contémplase o pintado das chaves, o tratamento dos bancos de madeira e acondicionamento do noiro existente no contorno do campo de Santo André de Xeve.
A empresa especializada en construcións, rehabilitacións e obras Garocaprim SL é a encargada de realizar actuacións, contratadas cun orzamento global de 4.707,51 euros.
Tino Fernández avanzou a a súa intención de implementar estes traballos de acondicionamento en todas as pistas de petanca que así o precisen, de xeito que poidan estar en boas condicións de uso cando se rematen de elaborar os correspondentes protocolos e se reabran ao público todas as instalacións deportivas tras o peche pola crise do coronavirus.
"Imos garantir que os numerosos ‘petanqueiros’ cos que contamos, e que se incrementan ano a ano, dispoñan duns campos de primeira", indicou o concelleiro de Deportes, que lembrou que o deporte da petanca ten un fondo arraigamento en Pontevedra, cunha liga na que participan 12 equipos e campos tanto no centro da cidade (os 2 da Deputación e os 2 de Campolongo) como en diferentes barrios e parroquias: Verducido (1), Santa María de Xeve (1), Santo André de Xeve (1), Salcedo (1), Centro Sur (2), Monte Porreiro (2), Os Campos (2) e O Salgueiral (2).
Relacionadas:
-
Adxudicadas por 1,5 millóns as obras de reforma do Centro Sur de Campolongo
Por Redacción |
-
Acondicionan as pistas de petanca e chave do Centro Sur de Campolongo
Por Redacción |
-
Pontevedra despide febreiro co inicio da Liga de Petanca
Por Boris Rodríguez Pintos |
-
O Concello inicia as obras para dotar de dous campos de petanca ao barrio do Burgo
Por Oskar Viéitez |