Estiman unha ocupación hoteleira media do 33% en xullo e do 40% para o conxunto do verán

Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, adiantou "con todas as cautelas" e "moita prudencia", as estimacións de ocupación turística na provincia de Pontevedra para este mes de xullo e o verán que sitúan a ocupación media do 33% en xullo e do 40% para o conxunto do verán.
"Quero transmitir optimismo pero hai que tomar estes datos como o que son: moi provisionais, están a variar día a día e van depender de moitas variables incluídas as sanitarias", sinalou Silva.
De feito, segundo a presidenta provincial, as reservas están a se pechar entre un e dous días antes de viaxar, hai moita xente que por ERTEs ou reorganizacións das empresas non saben aínda as súas datas de vacacións, as estadías prevense máis longas e dous de cada tres establecementos prevén que os resultados poden cambiar e mesmo mellorar cara a segunda quincena de xullo e o mes de agosto.
Por comarcas, en xullo O Salnés superará o 38%, situándose nesa mesma porcentaxe en vilas como Sanxenxo e no 40% no Grove; a comarca de Pontevedra acadará o 32% de ocupación, co 43% na capital; O Morrazo chegará ao 39% e a comarca de Caldas superará o 37,5%. No caso da comarca de Vigo a ocupación será do 32,4% situándose na cidade viguesa por riba do 40% e en Baiona no 50%; o Baixo Miño superará o 36%; O Condado e A Paradanta situaranse no 25% e Deza e Terra de Montes no 26% no mes de xullo.
En canto ao conxunto do verán, os establecementos hoteleiros do Salnés superarán o 38%, cunha ocupación do 43% no Grove e en Sanxenxo do 40%; na comarca de Pontevedra rondará o 44% e na capital o 41%; no Morrazo superarán o 39%; na comarca de Caldas o 34,5%.
A comarca de Vigo terá unha ocupación do 44% sendo do 45% na cidade de Vigo e do 54% en Baiona; o Baixo Miño o 45%; as comarcas do Condado e da Paradanta chegarán ao 40% e as de Deza e Terra de Montes superarán o 33%.
TURISMO RURAL
No que respecta ao turismo rural é o que estima os datos "máis parecidos a anos anteriores”, cunha ocupación para xullo do 51,3% e para o conxunto do verán do 50%. En xullo no Salnés o 52%; chegarán ao 75% na comarca de Pontevedra; ao 56% no Morrazo; acadarán o 44% na comarca de Caldas; superarán o 45% na comarca de Vigo; o 67% no Baixo Miño e ao 40% no Condado, A Paradanta, Deza e Terra de Montes.
No conxunto do verán, as casas de turismo rural do Salnés superarán o 45,5%; chegarán ao 55% na comarca de Pontevedra e do Morrazo; ao 45% na comarca de Caldas; acadarán o 40% en Vigo; o 57% no Baixo Miño; superarán o 43% nas comarcas do Condado e A Paradanta e chegarán ao 40,4% no Deza e Terra de Montes.
Os mellores datos de ocupación correspóndense coas vivendas turísticas, que agardan para xullo unha porcentaxe do 60% e para o conxunto do verán do 70%.
Relacionadas:
-
"O visitante de proximidade, mesmo da propia Comunidade, é o que veu en xullo"
Por Marisa Ciordia |
-
O Consorcio de Empresarios Turísticos invita a volver a Sanxenxo
Por Redacción |
-
A Deputación lanza a campaña de promoción turística "Ven" poñendo o foco na seguridade
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A Deputación investirá 2,5 millóns de euros ata final de ano para "recuperar a cultura en vivo"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A Deputación impulsa un Plan de Reactivación do destino Rías Baixas dotado con máis de 3,5 millóns de euros
Por Oskar Viéitez |