A Deputación lanza a campaña de promoción turística "Ven" poñendo o foco na seguridade
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou este mércores a campaña de promoción turística "Ven" que busca "reactivar o turismo nacional e de proximidade" poñendo o foco na seguridade e na beleza do destino.
No acto de presentación, Carmela Silva estivo acompañada pola cantante Najla Shami, "a voz e o rostro que conduce un audiovisual que toca as emocións". Neste vídeo téntase convencer a posibles visitantes para que visiten agora as Rías Baixas "porque chegou o momento de que veñades" e lánzanse mensaxes nos que se garante un destino "absolutamente seguro", afirmando que durante a crise "estivemos a coidar este agasallo para ter unha provincia aínda mellor".
Carmela Silva lembrou que a Deputación xa desenvolveu iniciativas de apoio ao produto e ao comercio local e puxo en marcha un Plan de Reactivación, dotado con 3,5 millóns de euros e "estamos a traballar" no Plan Estratéxico 2021-23.
É unha aposta por un tipo de turismo "de natureza, sostible, non masificado e vinculado á cultura" dirixida ao mercado nacional e do norte de Portugal.
Xunto ao audiovisual, as redes ofertarán propostas de trece "escapadas", sete pola costa e seis polo interior, ademais doutras experiencias e actividades que poden facer durante a súa estadía na provincia de Pontevedra .
A campaña prolongarase ata final de ano cun investimento de 116.000 euros. Irá dirixida a persoas de entre 35 e 60 anos e tamén a turismo familiar que viven en contornas de cidades ou áreas urbanas de máis de 50.000 habitantes. Segundo compartiu Carmela Silva, a intención é chegar a 12 millóns de persoas.
A campaña desenvolverase no verán (ata o 16 de agosto), e no outono (do 1 de setembro ao 13 de decembro). Na primeira fase, con impacto en Galicia, no resto do estado e en Portugal, as accións van estar dirixidas a ter presenza en redes sociais, revistas especializadas, así como na SmartTV, empregada por máis de 10 millóns de españois, nas principais plataformas.
A segunda fase no outono centrarase en zonas estratéxicas para captar visitantes como Madrid, País Vasco, Asturias e Castela a Mancha.
Relacionadas:
-
Os soportes dixitais posiciónanse como os mellores aliados para a campaña turística 'Segue ou teu instinto' da Deputación
Por Redacción |
-
"O visitante de proximidade, mesmo da propia Comunidade, é o que veu en xullo"
Por Marisa Ciordia |
-
A Deputación aproba unha partida de 2'6 millóns de euros para o Plan Concellos
Por Redacción |
-
Estiman unha ocupación hoteleira media do 33% en xullo e do 40% para o conxunto do verán
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación impulsa un Plan de Reactivación do destino Rías Baixas dotado con máis de 3,5 millóns de euros
Por Oskar Viéitez |
-
Carmela Silva: "eu teño moi claro que non podemos facer discursos de turismofobia"
Por Oskar Viéitez |
-
Reapertura da oficina de Turismo Rías Baixas no Palacete das Mendoza
Por Redacción |
-
A Deputación lanza dúas novas campañas online para promocionar o turismo nas Rías Baixas
Por Redacción |