Prazo de inscrición aberto para o campamento urbano de Caldas de Reis
Por Redacción
O Concello de Caldas de Reis abre o prazo de inscrición para participar no no campamento urbano que se celebrará do 27 ao 31 de xullo e para o que se poden apuntar menores nados entre os anos 2005 e 2013, ambos incluídos.
A reserva de praza debe realizarse antes do 21 de xullo, tras solicitar cita previa de xeito presencial nas dependencias da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) ubicadas no Concello.
O impreso de inscrición pode descargarse da sección de novas da páxina web municipal www.caldasdereis.com/novas. Tamén se pode solicitar información previa a través do correo electrónico omix@caldasdereis.com ou do teléfono 986 540 110 (extensión 5).
O campamento urbano é unha actividade xestionada pola concellería de Cultura e Xuventude de Caldas de Reis que, segundo expoñen desde fontes municipais, "favorece a participación dos rapaces e rapazas en múltiples actividades cun forte compoñente de educación non formal no ámbito do ocio e o tempo libre".
O horario das actividades incluídas no campamento será de 10.00 a 13.00 horas pola mañá e de 16.00 a 19.00 horas polas tardes. O lugar de chegada e recollida dos cativos establécese no Auditorio Municipal de Caldas. Calquera variación en horarios ou lugar será comunicada aos pais e nais con antelación.
A concelleira de Cultura, María López, puxo de manifesto o esforzo do goberno municipal por facilitar o conciliación da vida laboral e familiar ao longo do verán con actividades coma esta durante a época estival.
O campamento tamén busca contribuír ao desenvolvemento integral dos nenos e nenas mediante a aprendizaxe permanente, a participación, o compañeirismo e a convivencia, así como a integración da infancia sexa cal sexa a súa condición persoal, sociocultural ou económica.
O Concello de Caldas de Reis organizará o campamento urbano coas adaptacións necesarias, tanto no aforo, como no ámbito das actividades e nas instalacións co obxectivo de velar pola seguridade dos participantes e pola calidade da programación.
A organización asumirá e implementará todos os protocolos establecidos tanto polo Ministerio de Sanidade e a Consellería de Sanidade sobre campamentos e actividades de ocio, obrigando tamén aos participantes a cumprir as medidas hixiénicas de carácter persoal. Entre outras, os participantes deberán chegar ao comezo da actividade con máscara de cara e deberán levala posta en todo momento sempre que non se poida garantir a distancia interpersoal.