A tartaruga Abanqueiro, intoxicada por plásticos mariños, pon rumbo ao Caribe desde O Grove
Por Redacción
Tras dous meses de recuperación, a tartaruga que apareceu varada a comezos de maio na praia de Abanqueiro en Boiro emprendeu o seu rumbo cara as augas do Caribe. O seu punto de partida foi o porto do Grove, desde o que regresou ao mar.
A tartaruga, que foi bautizada co nome de Abanqueiro, chegou á costa galega intoxicada pola inxesta de plásticos mariños.
O persoal do Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) foi o que se encargou de facilitar todos os coidados oportunos para recuperar a tartaruga, que mellorou o seu estado tras expulsar o plástico que lle obstruía de xeito parcial o seu sistema dixestivo.
No momento no que foi localizado, o exemplar medía 31 centímetros, pesaba dous quilos e presentaba varias feridas de pouca consideración nas aletas e na cuncha. A súa recuperación foi paseniño, ganando peso ata acadar os 2,3 quilos e curar as súas feridas.
As actuais condicións oceanográficas garanten o camiño de Abanqueiro cara ao suroeste, buscando as correntes que lle permita o retorno ao Caribe. Para evitar situacións de risco, os exemplares como este son liberados fóra das rías.
Na súa solta participou a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, que salientou a importancia de evitar arroxar plástico ao mar, pois é un foco importante de contaminación e a causa da morte de moitas aves e mamíferos que habitan nas augas galegas
Nos últimos vinte anos recuperáronse en Galicia 123 tartarugas mariñas vivas, algunhas delas de ata dous metros de lonxitude e 400 quilos que acabaron atrapadas en cabos e aparellos no mar. En máis do 70% dos casos os animais, tras seren atendidos, regresaron con éxito ao seu hábitat mariño.
Relacionadas:
-
Rescatan un exemplar de cachalote pequeno en Vilaboa
Por Redacción |
-
VIDEO.- Xa están aquí as pequenas quenllas azuis
Por Oskar Viéitez |
-
A CEMMA segue achegando a vida dos mamíferos mariños desde o confinamento
Por Marisa Ciordia |
-
As Rías Baixas acollen un proxecto para reducir a mortalidade de golfiños e marsopas
Por Oskar Viéitez |
-
Alerta de varamento masivo de golfiños comúns na Ría de Arousa
Por Redacción |
-
RADIO.- S.O.S. de arroaces, caldeiróns e outros cetáceos nas Rías Baixas
Por Marisa Ciordia |