Ecoloxistas denuncian unha corta indiscriminada de carballos en montes de Bueu
Por Redacción
O Colectivo Ecoloxista Luita Verde, integrado na plataforma Defende o Morrazo, denunciou varias cortas de arborado nos montes da parroquia de Cela, en Bueu, nas que os responsables cortaron eucaliptos, piñeiros e carballos.
Segundo deu a coñecer Defende o Morrazo, a denuncia de Luita Verde relata que as cortas producíronse entre os lugares da Costa Grande, Chan Maior, Coto do Raboiro, Devesa Nova e A Telleira, ata o límite coa parroquia de Ardán, no concello de Marín, en solo rústico de especial protección paisaxística (PXOM de Bueu) e na ribeira alta da conca do río da Pena.
Os restos das cortas están espallados con grande cantidade de biomasa polo solo e, segundo este colectivo ecoloxista, non se respectou o paso dalgúns camiños e pistas, obstaculizados polos propios restos das cortas e a maioría co pavimento removido polo paso da maquinaria pesada.
Ademais, sosteñen que as cortas afectaron directamente á área de protección dos xacementos arqueolóxicos das mámoas de Cela, da mámoa de Rapadoiro, As Cadeliñas e As Chans.
A denuncia realizouse por rexistro a inicios de marzo, xa antes do estado de alarma, no Concello de Bueu, na Xefatura Territorial da Consellería de Medio Rural en Pontevedra e na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Turismo. A asociación pedía a comprobación dos feitos, a apertura dun expediente sancionador pola realización das cortas sen autorización, a paralización da corta da carballeira e do arborado autóctono, a retirada dos restos das cortas e a apertura ao tránsito de pistas e camiños de servidume.
Transcorridos catro meses, e superado o estado de alarma, non houbo resposta por parte das distintas administracións públicas, de modo que desde Luita Verde decidiron insistir en que as cortas foron realizadas "a matarrasa, cometéndose un verdadeiro atentado contra do patrimonio natural e paisaxístico" ao que fai referencia a especial protección dentro do solo rústico a nivel municipal, ademais de afectar á protección patrimonial dos distintos xacementos arqueolóxicos inventariados e catalogados no lugar.
Luita Verde lembra que a extensa área dos montes da parroquia de Cela onde tiveron lugar as cortas de arborado leva sendo obxecto de diversas afeccións ambientais nas últimas décadas. Está ubicada nunha zona de grande valor paisaxístico, ambiental e cultural entre os nacementos do río da Pena e do Amieiro, con áreas de ribeira, carballeira e monte baixo a matogueira ao redor dos 350 metros de altitude sobre o nivel do mar e con excelentes panorámicas da ría de Pontevedra,.