Resulta ileso tras perder o control do parapente e caer ao mar en Lourido
Por Redacción
As numerosas persoas que se atopaban durante a tarde deste caloroso martes na praia de Lourido quedaron sorprendidas ao ver como un deportista que practicaba parapente sobre a ría perdía o control do planeador e caía á auga á altura do Peirao das Señoritas, no municipio de Poio.
Segundo a información facilitada pola Policía Local de Poio, o suceso producíase ao redor das 17.30 horas. Un particular alertaba ao Servizo de Emerxencias do 112 Galicia que, á súa vez, púxose en contacto cos axentes para alertar da situación.
Ademais da Policía Local tamén participaba no rescate unha dotación de Salvamento Marítimo. Ata o lugar desprazábase unha ambulancia do Servizo de Emerxencias do 061, pero non foi precisa a súa intervención porque o home, un veciño de Moaña de 55 anos de idade, resultou ileso tras a caída nunha tarde onde sopraban ventos do nordés frouxos no litoral.