Poio impulsa un directorio cultural para dar visibilidade ao sector
Por Redacción
A Concellería de Cultura do Concello de Poio está a traballar na creación dun directorio de entidades culturais de Poio. Trátase dunha ferramenta que, tal e como explica a titular deste departamento, a nacionalista Raquel Rodríguez, terá como meta principal poñer en valor e dar a coñecer aos profesionais, colectivos e industrias creativas vencelladas a este sector.
"Deste xeito, resultará moito máis efectivo dar visibilidade aos seus proxectos e traballos. Ademais, tamén queremos fomentar o intercambio de experiencias e o traballo conxunto", dixo a concelleira.
Cómpre lembrar que esta proposta xa fora abordada na reunión que Rodríguez Alonso mantivo hai unhas semanas con artistas e representantes de colectivos culturais.
Neste directorio terán cabida aquelas asociacións, entidades e profesionais do tecido cultural da vila. Preténdese, asemade, dar a coñecer iniciativas doutros sectores como a xestión cultural, a de artes plásticas e visuais, patrimonio cultural, promoción e formación musical, artes escénicas, teatro, pintura, escultura, editoriais, librarías, turismo cultural, danza, música, creación audiovisual, deseño gráfico ou cinematografía.
Os profesionais interesados en formar parte desta rede deberán cubrir unha ficha, que se porá á súa disposición na páxina web do Concello, na que figurarán os datos do solicitante e a descrición da actividade que desenvolve. A información organizarase de tal xeito que os usuarios, ademais de informarse sobre o propio directorio, poderán facer uso dun buscador por categorías ou nome, o que facilitará e axilizará as consultas.