Convocan unha cadea humana entre o Hospital Provincial e o Concello para trasladar aos grupos políticos as necesidades sanitarias
Por Redacción
Os sindicatos CESM Galicia, CO- BAS e PROSAGAP promoverán este mércores 8 de xullo, ás oito da tarde, unha cadea humana entre o Hospital Provincial e a Casa do concello da Praza de España para facer chegar aos portavoces dos distintos grupos políticos da Corporación municipal "as verdadeiras necesidades dos sanitarios e as enormes carencias do sistema público de saúde".
A convocatoria vai dirixida a todos a traballadores da área sanitaria de Pontevedra e á cidadanía en xeral e busca reunir participantes suficientes para "tender unha ponte" entre o Hospital Provincial e o Concello de Pontevedra.
Durante a cadea, manteranse as medidas de seguridade de obrigado cumprimento, tales como separación entre persoas de 2 metros e uso de máscaras obrigatorias. Ademais, non se usarán siglas de ningún tipo.
Simbolicamente, queren mostrar a unión de todos os traballadores sanitarios e solicitan a mediación dos grupos municipais para que dean resposta ás súas demandas e informen á cidadanía da situación real da Sanidade Pública.
CESM, CO- BAS e PROSAGAP consideran que para exercer un voto libre e responsable o vindeiro domingo 12 de xullo os cidadáns deben contar con toda a información veraz do que sucede na área sanitaria que lles afecta, e máis cando consideran que desde a Xerencia practicouse unha "perversa manipulación da información" durante a crise da pandemia.
Os sindicatos denuncian un "reiterado desprezo" da Dirección cara aos traballadores sanitarios de Pontevedra e anuncian que dirixirán unha carta aos distintos portavoces municipais nas que lles expoñen as necesidades reais para recuperar un sistema público de saúde de calidade, "afastado dos recortes e das privatizacións, que desde a chegada de Alberto Núñez Feijoo á Xunta en 2009 non fixeron máis que incrementarse".
Relacionadas:
-
Ponte humana reivindicativa para alertar sobre as necesidades da área sanitaria de Pontevedra
Por Redacción |
-
Centos de persoas demandan a destitución da xerencia dos hospitais de Pontevedra se non abre vías de diálogo
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Os sindicatos sanitarios continuarán coas mobilizacións ata que se abra unha mesa de negociación coa Xerencia
Por Oskar Viéitez |