A 'nova normalidade' das visitas turísticas por Pontevedra: toma de temperatura, máscaras e grupos reducidos
Por Redacción
Un grupo de 20 persoas estreou este martes a 'nova normalidade' das visitas guiadas organizadas por Turismo de Pontevedra. A actividade suspendeuse coa declaración do estado de alarma e retomouse agora en base a un estrito protocolo de protección contra a Covid-19 que inclúe toma de temperatura e uso obrigatorio de máscara.
Nesta 'nova normalidade' turística, a Concellería de Promoción Económica e Turismo e a empresa Turismo de Pontevedra apostan por grupos reducidos. Neste caso, os visitantes procedían de localidades españolas como Madrid, Málaga, Palencia ou diversos puntos de Cataluña.
A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, recibiu aos participantes neste primeiro grupo de visitantes e confirmou que previamente realizouse unha formación específica dos guías turísticos en materia de protocolos de actuación e manuais de boas prácticas para a prevención de riscos laborais ante a Covid-19 e que se medirá sempre a temperatura ao comezo do percorrido e facilitarase xel hidroalcohólico antes e durante o servizo.
"Daremos a coñecer a nosa cidade coas máximas medidas de seguridade", explicou a concelleira, que engadiu que Turismo de Pontevedra só traballa con guías oficiais de turismo, percorrendo a cidade, visitando o interior dos monumentos sempre que sexa posible e dando a coñecer todo tipo de elementos culturais, históricos, monumentais, gastronómicos e festivos vencellados a Pontevedra.
As visitas guiadas terán lugar de luns a sábado dúas veces ao día, con saídas ás 11.00 e ás 18.30 horas ata o 14 de setembro e ás 1100 e ás 17.30 horas entre o 15 e o 30 de setembro. Os domingos e festivos hai unha única quenda ás 11.00 horas en xullo a setembro.
Trátase de itinerarios dunha hora e 45 minutos de duración, cunha tarifa xeral de 5 euros e reducida de 3 euros para parados, estudantes, xubilados, pontevedreses e familias numerosas, sendo gratuítos para os rapaces de ata 12 anos.
Todos aqueles interesados poderán consultar a información completa na páxina web ‘visit-pontevedra.com'.
A visita inaugural coincidiu coa estrea da nova Oficina Turística municipal, trasladada á planta baixa do Consistorio despois da mudanza do rexistro á Casa da Luz.
Yoya Blanco amósase entusiasmada co novo punto de información turística, que está a ser remodelado cun investimento de case 18.000 euros que incluirá a instalación no exterior do inmoble dun elemento de mobiliario de máis de dous metros de altura, a xeito de banco, cun gran símbolo de información, o nome de Pontevedra e unha xardineira protexida por unha malla metálica.
Ante as consecuencias da crise sanitaria, a concelleira considera necesario reforzar as campañas de turismo de proximidade de cara ao último cuadrimestre de 2020 e á conmemoración do inminente Ano Xacobeo, mediante o deseño de diversas campañas que axuden a fortalecer un sector gravemente danado pola pandemia, seducir visitantes de rexións próximas nun contexto con novas demandas e dinamizar o movemento turístico ata o municipio.