Empeza a selectividade con récord de alumnos, máscaras, moita calor e os nervios de sempre
Por Oskar Viéitez
Este martes empezan as probas da selectividade en Galicia, a Avaliación de Bacharelato e Acceso á Universidade (ABAU). Este ano rexistrouse unha cifra récord de matriculados, 14.555 alumnos uns 3.000 máis que o pasado ano, pero a principal novidade é o contexto marcado pola covid-19 que obrigou a despregar un protocolo sanitario e de seguridade.
E por se os nervios non fosen suficientes para complicalo todo hoxe espérase unha xornada de calor cun aviso amarelo activado por Meteogalicia polas altas temperaturas.
En Pontevedra, a Facultade de Ciencias da Educación acolle a 370 alumnos, a Escola de Enxeñería Forestal a 279 e a Facultade de Ciencias Sociais a 225. En Marín, o pavillón da Raña acolle a 150 persoas, o pavillón de Fexdega en Vilagacía é o que máis persoas acolle, 550.
A Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG) variou este ano o horario para repartir as materias troncais nas dúas primeiras horas das dúas primeiras xornadas co fin de reducir a presenza de alumnos nos lugares de exame. E en lugar de empezar con Lingua e Literatura castelás, este ano o primeiro exame será o de Historia de España.
Os estudantes terán que presentarse ás 9 da mañá nos seus centros de exame e agardar no exterior a que sexan chamados para ocupar as súas mesas, que terán un adhesivo co seu nome para que utilicen a mesma durante as tres xornadas de selectividade.
Durante o primeiro día, ademais de Historia, tamén haberá probas de Lingua e Literatura castelás, Matemáticas Aplicadas, Fundamentos da arte, Economía da Empresa e Deseño.