Nova marcha de Cansdomar para reclamar espazos públicos para os cans en Marín
Por Redacción
Máis de medio centenar de veciños de Marín acompañados polos seus cans acudiron á manifestación convocada pola Asociación Cansdomar. Con esta marcha retoman as medidas de protesta ante o goberno local ao que reclaman espazos para poder pasear e ter soltos aos seus animais de compañía dentro da vila. Ao mesmo tempo, seguen esixindo unha praia na que, con liberdade de horario, poidan levar os seus cans durante todo o ano.
Na actualidade, a concelleira de Medio, Marián Sanmartín, sinalaba que os cans teñen prohibido acceder ás praias dende o 15 de xuño ata o 15 de setembro. Ademais, dende o 1 de abril ata o 15 de xuño e dende o 15 ao 30 de setembro, os donos non poderán levar os cans aos areais entre as 12 do mediodía e as 21 horas.
A medida ao colectivo Cansdomar parécelle excesiva. Alegan que noutros concellos como O Grove ou Vigo existen praias nas que se permite a presenza de cans e reclaman que Marín conte cunha cala para eles.
Os membros de Cansdomar teñen previsto trasladarse a unha desas praias do Grove o próximo domingo 25 de agosto como outra medida de protesta ás negativas do concello marinense a buscar algunha solución alternativa ás súas demandas.
Durante a manifestación realizada nesta xornada festiva, os participantes circularon polo centro de Marín escoltados pola Policía local, o que levou consigo varios cortes do tráfico circulatorio. Ademais de facer soar as súas bucinas e amosar pancartas reivindicativas, un dos manifestantes leu un comunicado ante o edificio do Concello reclamando maior atención aos dereitos dos animais.