Poio traslada os colexios electorais de Samieira, Portosanto e Combarro para cumprir as normas sanitarias
Por Redacción
O Concello de Poio ultima a posta a punto dos colexios electorais para garantir durante a xornada de votación do próximo domingo o cumprimento de todos os requisitos establecidos polo protocolo de seguridade elaborado pola Xunta no referido a distanciamento, accesibilidade e itinerarios. Lembran desde o goberno local que o Concello decidiu cambiar o emprazamento dalgúns colexios para maximizar a prevención.
Deste xeito, en Combarro o colexio electoral da Escola do Campo pasará a habilitarse no CEIP Chancelas. En Samieira, as urnas moveranse desde a antiga escola unitaria de Tarrío á Casa do Pobo. Na parroquia de San Salvador, os electores de Portosanto terán que exercer o seu dereito nas instalacións da escola infantil da Galiña Azul.
Ademais destes cambios, os operarios municipais levaron a cabo diferentes traballos de mellora noutras instalacións para mellorar a accesibilidade e mobilidade das persoas. Entre elas figura a instalación de ramplas no CEIP Viñas ou no Isidora Riestra.
O goberno local asegura que todos os colexios electorais contarán con entradas e saídas independentes co obxectivo de evitar aglomeracións ou cruces entre persoas. En cada colexio haberá membros de Protección Civil para resolver calquera dúbida ou incidencia e haberá tamén sinais no chan para indicar por onde deben moverse as persoas.
Nas mesas electorais, haberá distancia de seguridade entre cada un dos membros, mentres que os interventoras utilizarán unhas cadeiras que tamén deberán estar afastadas da mesa.
O alcalde de Poio, Luciano Sobral, explica que estas actuacións son imprescindibles "para que a cidadanía poida exercer o seu dereito a voto nunhas condicións de seguridade máximas, algo que para o Concello de Poio é prioritario”.
Relacionadas:
-
Sanxenxo adapta os seus colexios electorais para manter a distancia de seguridade
Por Redacción |
-
Dez operarios reforzarán as tarefas de limpeza e desinfección nos colexios electorais o 12 de xullo
Por Redacción |
-
O vindeiro luns será o sorteo de mesas electorais para as eleccións do 12 de xullo
Por Oskar Viéitez |