Moraña retoma as licitacións de obra pública interrompidas coa pandemia
Por Redacción
Unha vez superado o estado de alarma e a fase máis dura do pandemia do coronavirus, o Concello de Moraña decidiu reanudar "de inmediato" os procesos de licitación de obra pública interrompidos. Segundo deron a coñecer, xa ten listos para impulsar dous proxectos que permitirán acometer sete melloras viarias e de seguridade.
En concreto, acometerase a renovación de asfalto e construción de muros de contención nas parroquias de Amil, Rebón, Santa Xusta, Saiáns, Lamas e Laxe. Ambas actuacións permitirán mellorar 1.186 metros lineais de pistas e alzar ou restaurar case cen metros de muros.
As actuacións contan cun orzamento global de 140.000 euros que se financiará con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
A primeira iniciativa, dotada con 98.713 euros e tres meses de prazo de execución, consistirá na construción muros en O Piñeiro (Amil), Rebón de Arriba, O Castro (Rebón), Igrexa (Santa Xusta) e Suigrexa (Saiáns). Así mesmo, con este proxecto modernizarase a capa de rodadura dun treito de 320 metros no Souto (Lamas) e outro de 200 metros na Igrexa (Santa Xusta), onde tamén se procederá á construción de 120 metros de cuneta cun metro de anchura.
A outra actuación, de mellora de todos os camiños da trama interna do núcleo rural de Fontenla, na parroquia de Laxe, suporá un investimento de 39.968 euros e terán un prazo de execución de dous meses.
A alcaldesa, Luisa Piñeiro, lembrou que tras a crise sanitaria xa reanudamos importantes obras públicas que quedaran paralizadas, como o centro social de Alende ou a mellora viaria e peonil de Chan de Amil, e hai outras que estaban adxudicadas, como a remodelación integral do campo de fútbol de Mirallos, que agora están a piques de comezar, e por iso puxieron en marcha estas novas licitacións.