Comeza a posta a punto dos parques infantís do rural pontevedrés
Por Redacción
O Concellaría de Coordinación do Medio Rural do Concello de Pontevedra, xestionada polo concelleiro Alberto Oubiña, acometerá a posta a punto de todas as áreas de xogos e parques infantís das parroquias durante as dúas vindeiras semanas. En total actuarase en 16 espazos de xogos co obxectivo de subsanar os deterioros e desperfectos ocasionados durante os últimos tres meses, nos que permaneceron inactivos e sen mantemento por mor das restriccións derivadas da crise sanitaria da Covid-19.
Esta posta a punto é o paso previo á súa próxima apertura de cara a ter este tipo de instalacións "nas mellores condicións de uso para que a rapazada poida empregalas con normalidade e tamén para garantir a súa conservación no tempo" indica Alberto Oubiña.
A actuación ten un orzamento total de 27.700 euros e dará comezo a vindeira semana nos parques de Salcedo, Santa María de Xeve, Sobral e nos dous do Pontillón.
Os traballos inclúen, dunha banda, tarefas de adecentamento do espazo como desbroces da contorna na que se ubican as áreas de xogos, rozas e limpezas de herba, arranxos de valados perimetrais, reposición de trozas de céspede artificial, hixienizado da grava, e volteo de areeiros mediante motocultor.
Doutra banda, tamén atenderán á posta a punto dos propios elementos de xogo con labores tales como reposición de pezas danadas ou deterioradas, repintados puntuais, e limpeza e lasurado de bancos e columpios.
Relacionadas:
-
Risas e xogos regresan, por fin, aos parques infantís de Pontevedra
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Os parques infantís de Pontevedra abrirán a partir do luns
Por Redacción |
-
O PP critica que os parques de Pontevedra sigan pechados unha semana despois e denuncia "incapacidade para articular medidas"
Por Redacción |
-
Abrir os parques infantís de Pontevedra custará 1.400 euros diarios
Por Redacción |
-
Os socialistas critican á Xunta por abrir os parques infantís sen contar cos concellos
Por Oskar Viéitez |