O PSdeG urxe o dragado do Lérez e propón depositar os lodos de xeito provisional preto do Club Naval
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz
Reivindicar a urxencia dun dragado que Feijóo "postergou mortuoriamente con escusas peregrinas" durante os últimos dez anos foi o principal obxectivo do percorrido en kayak por augas do Lérez que este sábado protagonizaron os candidatos do PSdeG-PSOE á Xunta Paloma Castro e Rafael Cotelo.
Os socialistas constataron que o dragado da desembocadura do río e a entrada da ría "é unha débeda inaprazable coa nosa cidade" e propuxeron que o depósito dos sedimentos se faga de xeito provisional (mentres non se retiren para o seu tratamento) nunha franxa fluvial próxima ao Club Naval, á altura do nó da AP-9.
A proposta conta con pleno respaldo de Carlos Paz, quen volveu a denunciar a lamentable situación provocada pola acumulación de lodos neste punto do río, inutilizando practicamente por completo dous pantaláns grandes e un pequeno por falta de calado.
Tal e como sinalou Paloma Castro, "cando xa parecía que Portos de Galicia tomara a decisión de comezar o dragado da ría, o PP emperrechouse na idea de depositar os lodos ao contorno da Illa de Sálvora, algo que non consideramos dende logo o máis axeitado dende o punto de vista ecolóxico".
"Os socialistas compartimos coa directiva do Club Naval que este dragado debe acometerse dun xeito perentorio e sen escusas e que a zona próxima ao entronque da autoestrada co final do paseo polo río, que é de propiedade municipal, sería axeitada para depositar os sedimentos temporalmente antes do seu tratamento en terra", afirma Castro.
A candidata do PSdeG á Xunta por Pontevedra lamenta que “a indolencia de Feijóo" estea a hipotecar "a necesaria rexeneración dun dos contornos naturais máis fermosos da cidade” e a impactar moi negativamente na actividade do Club Naval, "xa que dous pantaláns inutilizados supoñen menos amarres e unha mingua dos seus potenciais turísticos".
En opinión de Paloma Castro, "temos o privilexio de contar cun pequeno porto deportivo na desembocadura do Lérez, fronte ao ENIL da Xunqueira de Alba e a dous pasos da zona vella de Pontevedra, polo que resulta inconcibible que non poidamos potenciar as visitas en barco dende outros puntos da provincia por culpa da actual situación".
Rafael Cotelo lembra que o dragado do Lérez lévase solicitando "dende hai máis de dez anos", polo que debe ser acometido "con urxencia" por parte da Xunta, xa que "Pontevedra non pode permitirse vivir de costas ao seu río e á súa ría". "Co crecemento do Porto de Marín e da propia cidade de Pontevedra, os sedimentos son cada vez máis, polo que se están a poñer en risco as posibilidades turísticas, económicas e ecolóxicas deste espazo", subliña Cotelo.
Pola súa banda, Manuel Loureiro salienta o compromiso do seu partido "cos espazos naturais e o medio ambiente" e afirma que "o río Lérez é un contorno degradado que precisa dunha actuación inaprazable". Loureiro lamenta que "o que podería ser un espazo de acollida e lecer para a poboación da comarca e da cidade hoxe se nos antolle como un lugar pouco aconsellable para o seu desfrute".
APOIO Á VECIÑANZA DA ILLA DE ONS
Tamén na xornada deste sábado, os candidatas Paloma Castro, Julio Torrado e Uchi Santiago reuníronse na illa de Ons coa Asociación de Veciños e garantiron unha solución definitiva ao conflito se Gonzalo Caballero é presidente da Xunta.
"Quixemos vir ata aquí e pisar terra de Ons para expresar á veciñanza o noso apoio firme e absoluto", afirmou Paloma Castro. "O PSdeG-PSOE amosou a súa sensibilidade dende o primeiro momento e isto non cambia nin coa campaña electoral, nin cambiará no caso de que Gonzalo Caballero lidere o cambio progresista, que Galicia precisa con urxencia, a partir do próximo 12 de xullo", engadiu a candidata.
Relacionadas:
-
Portos tramitará "con celeridade" a dragaxe do Lérez e a oposición pide "non dar paus de cego"
Por Alejandro Espiño |
-
O atraso da dragaxe no río Lérez, a debate no Parlamento de Galicia
Por Redacción |
-
O BNG propón tratar en terra os lodos do Lérez para desbloquear o proxecto de dragaxe do río
Por Redacción |
-
O PSOE aposta por potenciar o campus de Pontevedra e estender o seu 'modelo verde' á cidade
Por Redacción |
-
Os socialistas deseñan un plan para completar a humanización de Monte Porreiro
Por Redacción |
-
O PSdeG propón un Plan de Fortalecemento Dixital Integral do Ensino
Por Oskar Viéitez |
-
O PSOE denuncia "o abandono da dependencia e a desatención ás persoas maiores por parte da Xunta do PP"
Por Oskar Viéitez |
-
Un itinerario peonil e ciclista pola PO-546 para "romper fronteiras" entre Pontevedra e Marín
Por Redacción |
-
Pedro Duque asegura que "no es tiempo de gobiernos conservadores"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Os socialistas acusan a Núñez Feijóo de "esquecerse das mulleres"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |