Analizan a accesibilidade cognitiva das dependencias administrativas do Concello
Por Alejandro Espiño
Un equipo da asociación Juan XXIII de Pontevedra entregou ao Concello o informe sobre a accesibilidade cognitiva das dependencias administrativas da casa consistorial, un traballo destino a testar os puntos débiles do edificio e propor recomendacións para darlle solución.
Tras a xuntanza, na que participaron Miguel Anxo Fernández Lores, o concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, a psicóloga da asociación, Raquel Braga, e un dos usuarios que forma parte do equipo, Fernando Iglesias, o alcalde explicou que a idea desta colaboración é que Concello avance en todos os ámbitos da accesibilidade universal.
No ámbito concreto da accesibilidade cognitiva, trátase de mellorar todo o que ten que ver coa percepción dos espazos e dos lugares con elementos de sinalización adaptados a persoas con algún tipo de dificultade de comprensión.
Entre eles búscase ofrecer un mellor servizo a persoas con discapacidade intelectual, persoas con baixa alfabetización, por exemplo por cuestións de idade, ou con dificultades co idioma como pasa no caso das persoas migrantes.
Os autores do informe explicaron que na avaliación da casa consistorial analizáronse cinco apartados: localización, orientación e desprazamento, uso e identificación e seguridade e emerxencias.
A nivel xeral, as principais eivas están no tamaño dos carteis identificativos, no tamaño da letra empregada ou na ausencia de reforzos visuais e de sinalización de itinerarios.
Entre as propostas de mellora, salientan a necesidade de adaptar os carteis, planos e directorios a formatos de máis fácil comprensión, con tamaños de letra o máis visibles posible e con reforzo visual como por exemplo con pictogramas.
Tamén fan recomendacións relacionadas coa creación de itinerarios no interior do edificio con bandas de cores no chan ou bandas nas paredes nos percorridos para saídas de emerxencia.
O alcalde agradeceu o traballo realizado polo equipo da asociación para avanzar neste tipo de accesibilidade e lembrou que nos últimos pregos de condicións para adxudicar os carteis para edificios municipais xa se están incluíndo criterios que atendan á accesibilidade cognitiva.
Neste sentido, indicou no centro social do Burgo xa se realizou con estes criterios e convidou a este equipo de accesibilidade cognitiva a avalialo para comprobar o grao de cumprimento.
Relacionadas:
-
A asociación Juan XXIII reactiva o seu centro en Pontevedra
Por Redacción |
-
A Asociación Xoán XXIII mantén a súa actividade con novas estratexias
Por Redacción |
-
Visita ás instalacións da Fundación Juan XXIII no Lago de Castiñeiras
Por Redacción |
-
Detectan problemas de accesibilidade cognitiva na casa consistorial de Marín e anuncian medidas para resolvelos
Por Redacción |