Descobren o autor do atraco con coitelo dunha gasolineira da cidade
Por Redacción
O luns 30 de decembro de 2019, minutos antes das 23.00 horas, un home co rostro oculto no interior dun casco integral de moto accedía a unha gasolineira do municipio de Pontevedra e asaltaba ás dúas traballadoras que se atopaban nese momento na oficina.
O home utilizaba un coitelo de grandes dimensións que sacou dunha bandoleira para intimidar a unha das traballadoras. Subtraeu a recadación que se atopaba na caixa rexistradora. O botín apenas chegaba a 400 euros.
A continuación, abandonaba a estación de servizo a toda velocidade antes de que chegasen ao lugar as patrullas da Policía Nacional, que xa se atopaban de camiño alertadas pola chamada das empregadas.
A partir dese momento, os axentes da Brigada Provincial de Policía Científica iniciaron unha minuciosa inspección técnico policial do lugar onde se produciu o roubo. Os axentes do Grupo de Delitos contra as Persoas de Policía Xudicial que se atopan en colaboración cos membros do Grupo de Prevención da Deliincuencia da Comisaría Provincial desenvolveron as investigacións e lograron identificar a un veciño de Pontevedra, sen antecedentes policiais previos, como o principal sospeitoso de ser o autor do roubo con intimidación.
Cando foi identificado, os axentes solicitaron ao Xulgado que instrúe a causa, o Xulgado de Instrución número uno de Pontevedra, un mandamento de entrada e rexistro. O Estado de Alarma decretado provocou a paralización da investigación durante varios meses ata que finalmente púidose realizar a entrada e rexistro do domicilio do sospeitoso esta primeira semana de xullo.
Durante este rexistro, os investigadores interviñeron algunhas pezas de roupa utilizadas polo presunto autor para efectuar o atraco. Tamén atoparon o casco co que se cubriu a cara e o coitelo de gran tamaño co que intimidou á empregada.
O investigado á espera da decisión do Xulgado atópase interno nun centro de desintoxicación.