VÍDEO.- Investigan un incendio provocado no Monte Castrove
Por Oskar Viéitez
Pouco antes das sete da tarde deste xoves os servizos de emerxencia foron alertados por un incendio forestal na saia do Monte Castrove, no concello de Poio.
Segundo informaron fontes oficiais da Policía Local de Poio o lume iniciouse no lugar da Zapata, na parroquia de San Xoán, na subida cara á Escusa.
A zona de monte afectada está moi preto de varias casas.
En pouco máis de media hora foi controlado o lume que afectou unha zona de ao redor de 500 metros cadrados.
Ao lugar do suceso, ademais da Policía Local, acudiu unha Brigada da Xunta co apoio aéreo dun helicóptero, efectivos de Protección Civil e axentes da Policía Autonómica e a Garda Civil.
As forzas de seguridade cren que o incendio foi provocado e tras analizar o lugar abriron unha investigación.