O paseo de Silgar fai oco para máis peóns
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo acaba de realizar unha obra que permitiu acabar cun embude peonil e liquidar un problema de seguridade viaria que se xerou no paseo de Silgar.
En concreto, a zona na que se xerou o problema é a comprendida entre o miradoiro do paseo de Silgar e Punta Vicaño e, para solucionalo, realizouse unha ampliación de beirarrúa nun tramo de sesenta metros.
Segundo informou o Concello, a obra consistiu no ensanche da beirarrúa en 80 centímetros, de tal forma que a nova beirarrúa permitirá o cruzamento de persoas con total seguridade e manter a distancia recomendada durante todo o paseo ata a súa ligazón con Baltar.
A obra enmárcase dentro do plan de preferencia peonil que o goberno levará a cabo no paseo de Silgar este verán para adaptalo ás esixencias derivadas da pandemia do coronavirus, para evitar contagios.
O plan incluirá o pintado da calzada, a limitación de velocidade e pictogramas que indicarán aos viandantes a recomendación de circular pola dereita.
O paseo de Silgar terá este verán dúas zonas con preferencia peonil as 24 horas do día, desde a primeira escaleira de baixada á praia ata a praza Compostela na Rúa Madrid e unha segunda diante do parque de Punta Vicaño.