Buscas traballo? Sanxenxo ten 206 postos dispoñibles no sector turístico
Por Redacción
O tirón no emprego que supón o sector turístico en Sanxenxo evidénciase cada ano e este 2020, a pesar da pandemia do coronavirus e a grave crise económica e social derivada, segue intacto. Segundo a información facilitada polo Concello, o portal de emprego municipal rexistra no seu último boletín unha media de 206 ofertas laborais en distintos ámbitos da hostalería e o sector da limpeza.
Desde o Concello atribúen estas ofertas a que o mes de xuño supuxo unha importante reactivación do emprego na localidade coa reapertura de negocios qe permaneceron pechados durante os meses centrais da pandemia.
As 206 ofertas dispoñibles duplican as cifras de anos anteriores. Este incremento débese a que o habitual era que as contratacións se realizasen cunha maior antelación, a partir de Semana Santa, pero este 2020 a activación chega agora, coa 'nova normalidade' e o levantamento das restricións do estado de alarma.
Camareiros, cociñeiros e axudantes de cociña, con 104 ofertas, son a actividade que máis interesa aos empregadores mentres que o persoal de limpeza de hoteis e apartamentos turísticos é outro dos perfís máis buscados en Sanxenxo na tempada estival, con 36 ofertas no boletín do Concello.
Cada día xorden novas ofertas, pero neste novo boletín hai tamén 10 para empregadas do fogar e volven estar demandados os postos de sereno ou vixiante nocturno, con tres ofertas no último boletín.
No sector comercio tamén demandan un reforzo de persoal para o verán con ofertas de dependentas e costureiras. Neste caso hai catro vacantes.