O ministro e astronauta Pedro Duque recibe aos alumnos do IES Sánchez Cantón que crearon catro satélites
Por Redacción
O ministro de Ciencia e Innovación e primeiro astronauta español, Pedro Duque, estivo este mércores en Pontevedra para participar nun acto de campaña electoral do PSdeG-PSOE pero antes tivo tempo para recibir aos grupos de alumnos de primeiro de bacharelato do IES Sánchez Cantón que durante este curso participaron no certame Cansat da Axencia Estatal Europea consistente na elaboración dun pequeno satélite.
Durante o encontro, no que tamén estivo presente a subdelegada do Goberno, Maica Larriba, os integrantes dos catro grupos, formados cada un por seis estudantes, tiveron a oportunidade de conversar brevemente con Duque acerca da súa experiencia no desenvolvemento do proxecto.
Os catro equipos do instituto pontevedrés que se presentaron á competición Cansat foron premiados na fase rexional galega. O equipo Os Tecnolóxicos recibiu o primeiro premio da categoría absoluta, polo que viaxarán a Granada para lanzar o seu satélite nun foguete como representantes de Galicia na competición nacional.
O equipo “STEMozas” foi premiado co terceiro premio na categoría absoluta. O equipo “ ObjetivoEUROPA” recibiu o primeiro premio na categoría que recoñece o valor científico do proxecto e o equipo “ Apollo2003”, o primeiro premio na categoría de difusión.
A competición Cansat organízaa ESERO, un organismo dependente da Axencia Espacial Europea. A competición consiste en xerar os elementos básicos dun satélite do tamaño dunha lata de refrescos. O satélite ascende no interior dun foguete ata unha altura de 1000 metros, momento en que o satélite se desprende do foguete e descende cun paracaídas. O cansat inclúe sensores que rexistran datos e envíaos a terra, onde se reciben con axuda dunha antena e almacénanse nun computador para a súa posterior análise.
Relacionadas:
-
O "luxo" de que o Nobel de Química che adiante os seus novos proxectos e te anime en persoa a estudar "o que vos apaixone"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Un equipo da Xunqueira I compite na fase galega do certame espacial europeo Cansat
Por Redacción |
-
O PSOE aposta por potenciar o campus de Pontevedra e estender o seu 'modelo verde' á cidade
Por Redacción |
-
Estudantes do Sánchez Cantón impóñense na fase galega do certame CanSat da Axencia Estatal Europea
Por Redacción |