Os casos activos de coronavirus redúcense a seis na área sanitaria tras darse catro altas nun día
Por Natalia Puga
A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés rexistrou este xoves un importante descenso no número de casos activos de coronavirus. Ten xa só seis pacientes con positivo pola enfermidade tras dar o alta a catro nas últimas 24 horas.
Segundo a última actualización de datos realizada polo Servizo Galego de Saúde, desde o inicio do plan de continxencia da Covid-19 curáronse 897 pacientes, catro máis que o mércores.
Os seis casos que permanecen activos en toda a área sanitaria evolucionan nos seus domicilios e, por tanto, mantense sen pacientes con coronavirus hospitalizados en planta ou en unidades de coidados intensivos, nin no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, nin no Hospital do Salnés nin en QuirónSalud Miguel Domínguez Pontevedra.
Desde o inicio do plan de continxencia da Covid-19 faleceron por este virus na área sanitaria 16 pacientes.
Segundo a última actualización da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 317, catro máis que o mércores. Deles, 73 son da área da Coruña, 64 da de Lugo, 18 da de Ourense, 6 da de Pontevedra, 122 da área de Vigo, 24 da de Santiago, e 10 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 4 están en unidades de hospitalización e 313 no domicilio. Non hai pacientes positivos en UCI. Por agora, en Galicia hai un total de 10.649 persoas curadas, rexistrándose 619 falecementos.
O número de PCR realizadas é de 188.328 e tan só hai un caso activo de coronavirus en centros residenciais de servizos sociais de Galicia. Dos 314 casos positivos na comunidade, un é un profesional dun centro residencial. Do total de falecidos ata o de agora, 132 contabilizáronse en residencias e 142 en hospitais e residencias integradas.
A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.
Sinalar, ademais, que o Sergas ten ao dispor da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.
Relacionadas:
-
Galicia rexistra un total de 254 casos activos por coronavirus, dous na área de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
En toda a área sanitaria só hai dous casos de covid
Por Redacción |
-
Só hai catro casos activos de Covid nesta área sanitaria
Por Redacción |
-
Un caso de Covid-19 menos na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, que rexistra cinco activos
Por Redacción |
-
Sen cambios na situación epidemiolóxica da área sanitaria: dez pacientes con coronavirus en seguimento domiciliario
Por Natalia Puga |