A Praia da Compostela contará este verán cun parque flotante, rocodrómodo e deportes náuticos
Por Oskar Viéitez
Ademais de lucir Bandeira Azul, a Praia da Compostela contará este verán varias propostas lúdicas e deportivas coas que se poderán divertir os usuarios e que servirán de reclamo para atraer máis xente a Vilagarcía.
As xestións realizadas nos últimos meses polo concelleiro de Turismo para dinamizar a praia da Concha-Compostela darán os seus primeiros froitos este verán coa implantación de dúas empresas que ofertarán un parque flotante multiaventura, un rocódromo e actividades náuticas como padelsurf, kayak e pedaletas.
Tamén abrirá as súas portas nos vindeiros días o quiosco-bar do parque da Compostela. A oferta privada complementarase coas piscinas públicas ao aire libre que o Concello ten previsto que estean operativas o ano que ven na zona da Concha e que tamén se integran neste plan de dinamización do areal urbano.
As empresas teñen xa xestionados ante Costas os permisos pertinentes para prestar as actividades de temporada dende a primeira quincena de xullo e ata finais de setembro.
A empresa vilagarciá "Náutica Medusa" xestionará o servizo de aluguer de pedaletas, kayaks e táboas para a práctica de padelsurf. Pola súa banda, Aventura Noroeste S.L. será a que ofrecerá as atraccións do parque flotante multiaventura e do rocódromo.
O parque multiaventura é unha plataforma flotante de 29,5x28 metros de planta, que se fondeará no mar, a uns metros da beira. Disporá de trampolíns, tobogáns, zona de escalada, pasos con obstáculos e unha zona de salto de 4,5 metros de altura. Ademais, contará con monitores-socorristas propios.
O rocódromo irá na zona do areal situado entre a praia e o paseo marítimo. Trátase dunha parede de escalada feita con roca natural, cunha base de 2x2 metros e unha altura de 4,5 metros. É apta para a escalada tanto de nenos como de adultos posto que conta con todos os equipos de aseguramento e protección, ademais de con monitores que ofrecen unha breve instrución previa.
No caso do quiosco-bar, o servizos funcionará dende primeiros de xullo a finais de agosto e cumprindo o correspondente protocolo de protección fronte ao coronavirus.
O concelleiro de Turismo, Álvaro Carou, informou ademais de que este ano procederase á renovación das casetas destinadas ao puntos de socorro tanto da Compostela como do Campanario.