A biblioteca de Caldas trasládase ao xardín botánico para a súa volta á actividade post Covid-19
Por Redacción
A biblioteca pública municipal de Caldas de Reis retoma a semana próxima as actividades culturais e de animación á lectura para a infancia que tiveran que deterse pola pandemia e farao nun espazo moi singular, trasladarase ao Xardín Botánico para ofrecerlles aos cativos 4 xornadas de contos, maxia e monicreques.
Baixo o título de 'A Biblioteca no Xardín', o Concello elixiu este lugar emblemático da vila conectado ao centro bibliotecario, como espazo diferente, agradable e apropiado para a reanudación das actividades infantís lúdico-culturais.
As actividades serán os días 7, 8, 9 e 10 de xullo ás 12.00 horas e as prazas son limitadas, de maneira que é preciso apuntarse previamente na propia Biblioteca ou no teléfono 986 53 06 04.
O martes 7 terá lugar unha nova sesión de 'Bibliotamaxia' para maiores de 3 anos coa maga Leo Leiño. O mércores 8, Vero Rilo trae 'E a ti... que che contan?', unha sesión de contos infantís para maiores de 3 anos.
O xoves 9 é a quenda da compañía de monicreques Seisdedos coa función 'Un mundo de marionetas' para o público maior de 6 anos. O programa finalizará o día 10 con 'Historias da Marquesa', de Pavís Pavós, unha sesión de narración oral para nenos e nenas a partires de 4 anos.
A concelleira de Cultura, María López, salientou que se trata dunha programación "moi atractiva" coa que Caldas de Reis con moita forza as actividades infantís e de animación á lectura na Biblioteca P. Martínez Ferro.
A edil considera "un auténtico privilexio poder contar cun espazo con tanto encanto como o Xardín Botánico ao que trasladar as propostas culturais infantís nesta época" e sinalou que se trata dun lugar estratéxico por atoparse ao lado da Biblioteca no que, ademais, poden facer cumprir con maiores garantías as medidas de distanciamento e seguridade fronte o coronavirus.
Relacionadas:
-
A Biblioteca de Caldas volve ao xardín cun variado programa de actividades
Por Redacción |
-
Caldas contrata o Plan de Restauración do Xardín Botánico
Por Redacción |
-
'A Biblio volve ao xardín' no Botánico de Caldas de Reis en setembro
Por Redacción |
-
Prazo de inscrición aberto para o campamento urbano de Caldas de Reis
Por Redacción |
-
Caldas volve recibir peregrinos e reabre os aloxamentos ao 100%
Por Redacción |
-
Caldas de Reis ofrece a mostra fotográfica 'Auga. O sangue da terra' ata final de xullo
Por Redacción |