Docencia 100% presencial en 3 graos e 5 mestrados do Campus de Pontevedra ao inicio do vindeiro curso
Por Oskar Viéitez
O curso 2020-2021 arrancará na Universidadee de Vigo marcado polas restricións derivadas da pandemia da Covid-19, que impoñen a docencia mixta, agás no caso daquelas titulacións que poden garantir as condicións para o desenvolvemento dunha actividade académica presencial, ben sexa total, ben parcial.
Á espera de que nas próximas semanas novas titulacións se poidan sumar á relación, o Consello de goberno da Universidade de Vigo aprobou por asentimento na súa sesión deste mércores, que unha decena de graos e 24 mestrados comezarán a impartirse o vindeiro curso en modalidade totalmente presencial, son seis graos presenciais en Vigo, tres en Pontevedra e un en Ourense.
Outros 20 graos serán parcialmente presenciais, adoptándose nos 23 restantes a modalidade mixta, que combina actividades docentes presenciais e non presenciais.
O reitor, Manuel Reigosa dixo que "debemos sentirnos orgullosos por esta oferta cun alto grao de presencialidade, se se compara con outras Universidadees".
O vicerreitor de Ordenación Docente e Profesorado, Manuel Ramos, explicou que no campus de Vigo seis son os graos que apostan pola docencia integramente presencial: Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios; Comercio; Enxeñaría en Tecnoloxías da Telecomunicación en castelán/galego e en inglés; Enxeñaría da Enerxía e Enxeñaría dos Recursos Mineiros.
En Pontevedra os graos de Belas Artes, Enxeñaría Forestal e Dirección e Xestión Pública, serán os que comecen o vindeiro curso impartíndose de xeito presencial, mentres que no campus de Ourense, será Enxeñaría Agraria o único grao no que a docencia sexa totalmente presencial.
Estes 10 graos que optan pola presencialidade supoñen o 19% da oferta formativa de grao da Universidadee de Vigo, que suma tamén para o inicio do vindeiro curso un total de 24 mestrados presenciais: dous en Ourense; cinco en Pontevedra e 17 en Vigo, que supoñen o 40% do total da oferta de mestrados da institución académica.
Outros 20 graos comezarán a impartirse de forma parcialmente presencial, o que quere dicir que a presencialidade darase unicamente para algúns grupos dalgunhas materias, algúns cursos, obradoiros ou prácticas clínicas, manténdose a docencia mixta noutras partes das titulacións.
Esta presencialidade parcial aplicarase nalgúns casos en titulacións das facultades de Ciencias, Historia, Ciencias Empresarias e Turismo e Ciencias da Educación e do Traballo e na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, no campus de Ourense; así como nas facultades de Ciencias Sociais e da Comunicación, Fisioterapia e na Escola de Enfermaría en Pontevedra e nas facultades de Filoloxía e Tradución, Bioloxía, Química e na Escola de Enfermaría do Meixoeiro no campus vigués.
Estes graos supoñen o 38% da oferta total da Universidadee de Vigo, que se completa con 23 títulos de grao máis nos que se implantará a docencia mixta. Polo que respecta á oferta de mestrados para o vindeiro curso, ademais dos presenciais, complétase con seis títulos sen cambio de modalidade, nos que xa combinaba a virtualidade e a presencialidade, e 30 nos que se implantará docencia mixta.
Ademais de aprobar por asentimento esta reorganización da docencia para o vindeiro curso, os integrantes do Consello tamén deron luz verde á realización de actividades antes do inicio do período académico, concretamente entre os días 7 e 18 de setembro. Neste caso serán as facultades de Ciencias, Dereito, Ciencias da Educación e a ES de Enxeñaría Informática no campus de Ourense; a EE Forestal en Pontevedra e as facultades de Filoloxía e Tradución, Ciencias Xurídicas, Bioloxía, Ciencias do Mar, Química e as escolas de Enxeñaría de Telecomunicación, Minas e Enerxía e Enxeñaría Industrial as que nese período desenvolverán actividades docentes (agás para 1º curso), de acollida, de fin de carreira, ou prácticas.