A promoción da Policía Nacional que probou a súa vocación durante a pandemia xura o seu cargo, por primeira vez, en Pontevedra
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
A pandemia do coronavius deixou un regueiro de "primeiras veces" ao longo de todas as profesións e institucións e a elas non se escapa a Policía Nacional. Toda unha xeración de novos axentes terán xa toda a súa carreira inevitablemente vinculada á crise sanitaria, que irrompeu durante o seu período de prácticas, probou a súa vocación nos momentos máis duros do estado de alarma e agora, unha vez dentro na 'nova normalidade', levoulnos a unha xura do seu cargo sen precedentes. Por primeira vez na historia da Escola Nacional de Policía de Ávila, o acto descentralizouse.
Un total de 65 policías desa XXXIV promoción da Escala Básica da Policía Nacional xuraron o seu cargo este martes nun acto celebrado no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra. Pertencen á maior promoción da historia da Escala Básica, composta por 3.176 axentes -2.400 son homes e 776 mulleres-, e fixeron as súas prácticas nas distintas comisarías da Policía Nacional de Pontevedra durante os últimos meses.
Esta xeración ' Covid-19' de policías non puido xurar o seu cargo no habitual acto na Escola Nacional de Policía de Ávila porque a situación sanitaria impide estes actos multitudinarios e substituíu o evento por 58 descentralizados nas provincias nas que os axentes realizaron o seu período formativo de prácticas.
En Pontevedra, o acto presidírono a subdelegada do Goberno, Maica Larriba, e a comisaria provincial, Estíbaliz Palma, que agradeceron aos 65 o seu "gran servicio a España" durante a pandemia. O acto celebrouse o mesmo día en toda España e todos os comisarios leron o mesmo discurso, para unificar tan marcado momento. Nel, a máxima responsable da Policía Nacional en Pontevedra destacou que estes axentes contribuíron a superar a crise sanitaria e deron "ejemplo ya antes de jurar el cargo".
Debido ás limitacións de aforo e á normativa vixente con motivo da Covid-19, o publico asistente foi limitado e sentou gardando as distancias de seguridade, pero as circunstancias non impediron que no acto sentise toda a calor nun momento tan destacado a carreira profesional dun policía. Maica Larriba destacou o "esencial compromiso" da Policía Nacional coa seguridade e o seu papel nos últimos meses, nos que achegaron unha "reconfortante" seguridade á cidadanía.
O agradecemento da "máxima colaboración en los momentos más duros del confinamiento" que Maica Larriba quixo facer "extensivo a todo el personal del cuerpo de la Policía Nacional" da provincia e os eloxios polo "extraordinario" traballo realizado encheron de orgullo a todos os presentes que, tras xurar o cargo, iranse incorporando a comisarías de toda España.
Larriba agradeceu a "entrega digna de elofio" e o "compromiso que va más allá" do esixido durante a pandemia e mostrou o seu "orgullo" por todo o traballo realizado nos meses de estado de alarma.
De fronte ao futuro, pediulles esforzo "para que la provincia se mantenga trece puntos por debajo de la media nacional" e lembroulles que o labor policial é "imprescindible" na loita contra a violencia de xénero, pedindo "un plus de ese esfuerzo" para loitar contra a secuela da violencia machista que xa acabado coa vida de 21 mulleres este ano.
O acto concluíu cunha homenaxe aos caídos e unha foto de familia que, de novo, quedará para a historia. As máscaras quitáronllas para retratarse, de modo que se impuxo unha obrigada distancia de seguridade que converteu ao CGTD en testemuña da nova era Covid-19.