Augas de Galicia retoma as expropiacións para instalar o sistema de emerxencia na presa de Caldas
Por Redacción
O proxecto de implantación dos plans de emerxencia das presas de Caldas, Eiras, Baiona e Ou Con avanzan un paso máis na súa tramitación coa publicación no DOG por orde de Augas de Galicia da convocatoria para o mes de xullo para os actos expropiatorios dos titulares dos terreos necesarios para executar as obras.
En abril xa foran citados os veciños de Vilagarcía e Caldas para avanzar na tramitación do proxecto, pero o proceso foi suspendido pola declaración do estado de alarma. Superada esta fase, Augas de Galicia retoma os seus plans e volve citar aos afectados.
Os plans de emerxencia que xa se están executando nestas catro presas supoñen un investimento superior aos 785.000 euros. As expropiacións son necesarias para completar a instalación nestas infraestruturas dun sistema de aviso acústico á poboación en caso de rotura ou funcionamento incorrecto dos encoros.
Os propietarios dos terreos de Caldas están convocados para o 10 de xullo no Auditorio Municipal, mentres que o 23 de xullo farano os de Vilagarcía no salón de plenos do Concello.
Estes plans de emerxencia comprenden un centro de xestión de emerxencias, un sistema de comunicación do titular da presa cos diferentes organismos implicados na súa xestión e un sistema de aviso á poboación situada en zonas potencialmente afectadas na primeira media hora.