O programa Ollo cos Ollos atendeu a 17.200 pontevedreses desde o 2007 para previr a hipermetropía
Por Redacción
O programa Ollo cos Ollos implantado en Galicia no ano 2007 a través dun convenio entre o Colexio de Ópticos - Optometristas de Galicia e a Consellería de Sanidade serviu para revisar a vista de 582.340 galegos, 46.200 no último ano dos que 17.292 son pontevedreses.
Nestas consultas os profesionais detectaron unha elevada prevalencia de hipermetropía en mulleres maiores de 65 anos, pero tamén é rechamante o impacto en pacientes menores de 16 anos, con 46.000 hipermétropes en Galicia e que, neste caso, afecta máis os nenos que ás nenas.
"Esta variación da porcentaxe co paso dos anos entre homes e mulleres pode deberse ao tipo de actividade realizada durante a vida adulta, xa que a maioría de mulleres adoitan realizar unha actividade profesional na que teñen que utilizar en maior medida a visión de preto, polo que se teñen hipermetropía necesitan de corrección para unha maior comodidade na súa vida cotiá", explican desde o colexio profesional.
"Un ollo hipermétrope é o que ten que estar a se forzar continuamente para ver ben de preto e de lonxe", sinala o presidente do Colexio de Ópticos - Optometristas de Galicia, Eduardo Eiroa.
Este problema está moi relacionado co fracaso escolar, explica o presidente do colectivo. "Un ollo hipermétrope realiza esforzo para ver de lonxe, cando mira de preto fai un esforzo aínda maior e os signos de cansazo aparecen antes. Moitos nenos que teñen fama de ser malos estudantes padecen unha hipermetropía moderada, están incómodos á hora de ler e facer os deberes e rexeitan a actividade escolar", explica Eiroa. Ademais ese esforzo muscular pode derivar en fatiga visual, proído, dor de ollos ou de cabeza. Por iso insisten na importancia da detección precoz deste problema para corrixilo.
Xa na idade adulta, a perda de capacidade de acomodación do cristalino pode derivar en presbicia. Un mal que afecta en Galicia a 167.000 pacientes maiores de 46 anos e afecta principalmente as mulleres.
O confinamento contribuíu a agravar aínda máis esta afección, xa que a maioría dos pacientes que acudiron ás ópticas eran hipermétropes que manifestaran cansazo durante o peche. "Tivemos pacientes que explicaron que o feito de pechar os seus ollos de maneira consciente axudoulles a atopar alivio e relaxar o seu sistema visual", remata Eiroa.
No rexistro de consultas que manexa o Colexio pode comprobarse que desde o 2007 na comarca de Pontevedra realizáronse 33.351 consultas, mentres que en comarcas veciñas como Caldas foron 7.000; no Salnés, 32.755; e no Morrazo, 18.758.