Ecoloxistas en Acción concede "bandeiras negras" a Ence e ao Porto de Marín
Por Oskar Viéitez
O colectivo Ecoloxistas en Acción ven de presentar o informe "Bandeiras Negras 2020" no que denuncian os casos máis salientables por motivos de contaminación e mala xestión ambiental. Nesta edición en Galicia son 6 bandeiras negras. Tres por mala xestión para o Porto de Marín, na provincia de Pontevedra, a Praia das Delicias na provincia da Coruña e A Mariña lucense.
As bandeiras negras por contaminación son para a Praia de Lires, na provincia da Coruña, á Factoría de ENCE, na provincia de Pontevedra e á Factoría de Alcoa en San Cibrao na provincia de Lugo.
Nunha rolda de prensa celebrada este martes en Pontevedra, a coordinadora da Asociación Verde Gaia, Sabela Iglesias explicou que o motivo que levou a outorgar a Bandeira negra ao Porto de Marín, é pola sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que legaliza os recheos "que anteriormente foran declarados ilegais en sentenza firme".
Segundo Ecoloxistas en Acción "a administración pública manipula e engana, e todo isto con diñeiro público para non asumir as ilegalidades cometidas".
Para Sabela Iglesias, a sentenza do TSXG "é un cachondeo, unha tomadura de pelo, unha carallada" e engade que "o poder económico en total connivencia co poder político utiliza ao poder xudicial para o seu interese".
Pola súa banda o presidente da Asociación pola Defensa da Ría (APDR), Antón Masa, foi o encargado de exlicar os motivos que levan a outorgarlle un ano máis a bandeira negra á fábrica de ENCE na ría de Pontevedra.
Segundo dixo Antón Masa, consideran merecedor da bandeira negra a papeleira "pola combustión de aceites usados na planta de biomasa de Ence", unha práctica que está absolutamente prohibida na Unión Europea polas consecuencias negativas na saúde humana e sobre o medio ambiente.
O presidente da APDR afirmou que, de acordo cos datos facilitados por distintas empresas subministradoras, desde fai uns 5 ans ENCE adquire anualmente da orde de 18.000 toneladas de aceites usados procedentes de motores de automóbiles, de maquinaria agrícola ou industrial, que soamente foron sometidos a un proceso de eliminación de auga e sedimentos, polo que permanecen neles os posibles metais pesados, PCBs e outros contaminantes que se producen por degradación durante o tempo de utilización anterior como lubricantes.
Antón Masa asegurou que "esto supón a comisión dun novo delito ecolóxico continuado e tentaremos conseguir unha vez máis unha condena".