O 1 de xullo comeza a campaña extractiva do polbo, da nécora e do lumbrigante
Por Redacción
Este mércores 1 de xullo ás 05.00 horas comezará a campaña extractiva do polbo en Galicia, que se prolongará ata o inicio da veda do ano 2021, e vai fixarse a través dun Plan, segundo indica a Consellería do Mar.
Tamén este mércores arrinca a campaña extractiva da nécora e do lumbrigante, que permanecerá autorizada ata o 31 de decembro deste ano.
En canto ao polbo, ata o 31 de agosto, a cota máxima de captura que establece a Xunta é de 30 quilos por barco e día. A esta cantidade engádeselle 30 quilos ao día por cada tripulante a bordo da embarcación, ata un máximo de 210 quilos diarios. No resto da campaña, a cota máxima será de 50 quilos por embarcación e día, cantidade á que se suman 50 quilos diarios por tripulante enrolado a bordo, ata un máximo de 350 quilos por día.
O horario de traballo con nasa para polbo iníciase ás 06.00 horas, aínda que poden saír de porto ás 05.00 horas e péchase ás 16.00 horas. O descanso semanal desenvolverase desde as 16.00 horas do venres ata as 06.00 horas do luns. O número de nasas permitido queda establecido en función do tamaño do barco e do número de tripulantes.
A actividade será controlada a través do programa de seguimento da Subdirección Xeral de Gardacostas en colaboración cos guardapescas das confrarías.
As medidas para a explotación da nécora serán as recollidas no plan experimental para a xestión desta especie e do camarón con nasa, un plan que está vixente ata o 30 de xuño de 2021.
O número de nasas permitido está regulado segundo o tamaño da embarcación e o número de tripulantes enrolados. O horario de lanzamento de nasa de nécora será nocturno con excepcións na ría de Arousa e de Vigo, nas que poderá ser diúrno. Unha vez cumprido o horario de traballo, deberán ser trasladadas ao porto diariamente.