A Xunta publica a listaxe provisional de admitidos nas súas escolas infantís
Por Redacción
A Xunta deu a coñecer este luns a listaxe provisional de admitidos nas escolas infantís públicas de titularidade autonómica para o próximo curso 2020/2021. O total de menores ascende a 7.893, o que supón o 73,4 % das solicitudes presentadas. Os interesados poden consultar xa a relación completa de admitidos na páxina web da Consellería de Política Social.
Explican desde o goberno autonómico que o número de solicitudes para o próximo curso foi menor que as presentadas o ano pasado. Nesta ocasión rexistráronse 10.751 peticións fronte ás preto de 12.764 do curso recentemente finalizado. Tamén baixan os admitidos provicionales que este ano se sitúan en 7.893, 451 menos que o curso 2019/2020.
Desde a data de publicación das listas, as familias dispoñen de cinco días hábiles para a presentación de reclamacións e a lista definitiva farase pública o 20 xullo. As familias con praza deberán formalizar as matrículas entre os días 21 e 30 de xullo e o inicio do curso está previsto para o 4 de setembro.
Desde a Xunta detallan que o curso 2020/2021 será o primeiro no que se aplicará a gratuidade na atención educativa para os segundos fillos e sucesivos. Esta medida beneficiará ás escolas infantís de titularidade pública, ás de iniciativa social, ás privadas e ás municipais que estean ao corrente das liquidacións do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.
Ademais nas sete principais cidades galegas, haberá polo menos unha escola infantil na que o horario de apertura ampliarase ata as 20 horas para facilitar a conciliación da vida familiar e laboral.
Doutra banda, as peticións de praza para menores de 0 a 3 anos que quedan por agora en lista de espera son 1.716. Unha cifra que non será definitiva ata o 20 de xullo. Aquelas familias que queden sen praza poderán beneficiarse do Bono Concilia, unha axuda directa que lles permitirá contar co apoio económico para levar aos seus fillos á escola infantil que elixan. Aínda que só estará destinado para os primeiros fillos de cada unidade familiar.