Marín apremia os donos de parcelas con maleza a rozalas de cara ao verán
Por Redacción
O Concello de Marín fai unha chamada aos propietarios de parcelas que están cheas de maleza a rozalas de cara á época estival co aumento do risco de incendios.
Nestes momentos, o Concello traballa na tramitación de apertura de expedientes de xestión de biomasa, é dicir, de limpeza de parcelas, para así facer cumprir coa obrigatoriedade de manter os terreos privados en bo estado.
Moitos expedientes teñen a orixe en queixas veciñais. En concreto, mantén abertos varios procedementos nas zonas de Concepción Arenal, Inferniño, na subida desde esta rúa ata o cemiterio e nunha área intermedia entre Quevedo e Pumariño.
O Concello xa anuncia que será estrito no cumprimento destes expedientes, debido á necesidade de manter libres de maleza e correctamente desbrozadas as parcelas particulares.
Deste xeito, intensificaranse os controis por parte da Policía Local para garantir que se leva a cabo esa limpeza tramitada a través dos expedientes abertos.