Unha empresa de Pontevedra renovará un terzo da iluminación de toda Ámsterdam
Por Alejandro Espiño
Ata 10 millóns de euros pola renovación de 42.000 puntos de luz -ampliables a 50.000-, o que supón un terzo da iluminación pública de toda a cidade de Ámsterdam. É o suculento contrato que logrou adxudicarse a empresa pontevedresa Setga.
Trátase do maior cambio a tecnoloxía LED implementado no noroeste de Europa. Dentro do vello continente, só cidades do sur como Milán ou Madrid executaran programas tan ambiciosos como este para a renovación integral da súa iluminación.
Este contrato garante a carga de traballo nas liñas de montaxe da compañía en Pontevedra durante os dous próximos anos, xa que Setga irá substituíndo a iluminación da capital dos Países Baixos de maneira progresiva ata mediados de 2022.
Ademais, o 80% da fabricación desta iluminación farase nun radio de apenas 150 quilómetros de Pontevedra, participando neste proceso prensas de extrusión de aluminio situadas Padrón, compañías que traballan con aceiro en Pontevedra e A Coruña ou auxiliares electrónicas da automoción situadas en Ourense e Vigo.
Este modelo sostible de proximidade "achega valor engadido nun momento no que tomou especial importancia a capacidade de produción propia e a relocalización de compoñentes", segundo destacou o director xeral de Setga, Ángel González Calvo.
A proposta da compañía foi seleccionada pola cidade de Ámsterdam, entre outras cuestións, pola redución do consumo enerxético que necesitaría a súa iluminación, ata 8.318 toneladas menos de CO2 durante o primeiro ano de funcionamento; polo retorno social que terá este cambio ou pola aposta por conciliar a luz coa saúde pública.
A este respecto, o sistema empregado por Setga permitirá á cidade variar a temperatura de cor da súa iluminación pública en función da hora do día e as necesidades puntuais da vía, respectando o ceo nocturno e o descanso dos seus habitantes.
Ademais, Ámsterdam destacou a tecnoloxía empregada, que permitirá actualizar os seus compoñentes sen refugar todo o conxunto; ou que se poida renovar estes puntos de luz sen alterar a estética dos farois ancestrais e os deseños autóctonos que marcaron a personalidade da cidade desde principios do século XX.
Grazas a este contrato, Setga consolida a súa presenza no mercado holandés, onde os seus deseños están presentes en máis dun centenar de municipios.
Entre outros, a tecnoloxía desta empresa de Pontevedra instalouse nos últimos anos no porto de Róterdan, as estacións de ferrocarril dos Países Baixos, o parque City Life de Milán ou en céntricas avenidas de cidades como Dubái, Kuwait, Doha ou Tel Aviv. Ademais, seus son tamén os novos semáforos da Gran Vía de Madrid.