O Concello de Moraña ten preparada a remodelación do Campo de Mirallos
Por Redacción
A alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, considera que o goberno local "fixo os deberes" e ten "encauzado" este mandato tras conseguir investimentos por máis de 2,5 millóns de euros neste primeiro ano nas áreas de infraestruturas, servizos públicos, atención social e emprego.
A rexedora fixo balance deste exercicio inicial do mandato con todos os membros do executivo nunha visita ao novo Centro Social de Alende. Piñeiro considera que este período municipal ata o ano 2023 "vai vir marcado pola atención social da crise sanitaria do coronavirus, á que creo que, dende o Concello, lle demos unha axeitada resposta nestes meses e sobre a que estaremos moi pendentes para estar sempre ao carón dos nosos veciños".
A primeira edil tamén indicou que está "perfectamente planificado" o segundo exercicio do mandato, que comezará coa remodelación integral do Campo de Fútbol de Mirallos cun orzamento duns 500.000 euros, con humanizacións urbanas e melloras viarias no rural por 333.000 e con plans de eficiencia enerxética dotados con case 200.000.
Por outra banda, Piñeiro incidíu en que o goberno local tamén fixo unha importante aposta polo turismo neste primeiro ano, "centrada fundamentalmente no 50º aniversario da Festa do Carneiro ao Espeto; no reforzo dos Servizos Sociais cunha vocación específica pola crise sanitaria do coronavirus; na extensión da reciclaxe e da recollida selectiva con contedores e plans de compostaxe; nas xestións para a extensión da fibra óptica, que chegará ao 88% dos veciños en 2021; na contención fiscal, chegando incluso a baixar o 10% a taxa do lixo; e na aposta polos plans da Xunta para o transporte metropolitano de Pontevedra, que permite que 700 menores de 21 anos teñan as súas viaxes gratuítas".
"Estamos contentos pero somos esixentes, así que nos pedimos máis e máis porque Moraña o merece. Agora estamos co proceso de axudas municipais a pemes e autónomos, que é algo do que nos sentimos orgullosos xa que adicaremos 100.000 euros de xeito directo a reactivar o noso tecido económico, e despois continuaremos cos moitos proxectos que temos para o noso municipio", concluíu a alcaldesa.
Relacionadas:
-
O campo de fútbol de Mirallos estará renovado a mediados de 2022
Por Redacción |
-
Moraña modernizará as instalacións do campo de herba natural de Mirallos
Por Redacción |
-
Moraña programa tres talleres sobre saúde e igualdade
Por Redacción |
-
Inicio inminente para a remodelación integral do campo de fútbol de Mirallos en Moraña
Por Redacción |
-
De Vacas, Touriñán, Luis Emilio Batallán e Queimán e Pousa encabezan o programa da 51 Festa do Carneiro ao Espeto
Por Redacción |