Ponte Caldelas pacta a expropiación dos terreos para a zona verde e o aparcamento central
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas aprobou o inicio do expediente de expropiación pactada para dar inicio ao proxecto de creación dunha ampla zona verde na parte traseira da Ludoteca Municipal, que contempla a posta en marcha dun céntrico aparcamento.
O rexedor, Andrés Díaz sinalou que nestes cinco anos que leva como alcalde, avanzouse nun modelo urbano co que "gañamos espazos para as persoas e tamén máis aparcamentos céntricos e gratuítos".
A Xunta de Goberno Local celebrada o venres deu luz verde a este expediente. O proxecto conta cun espazo de 1.000 metros cadrados que contará cunha pavimentación combinada segundo as zonas, contemplando o xabre compactado e o formigón en cor marrón.
O espazo estará dotado de todos os servizos: recollida de pluviais, abastemento de auga, iluminación, mobiliario urbano (bancos e papeleiras) así como unha zona verde con árbores e un espazo de xogo infantil na área máis próxima á Ludoteca Municipal e á Escola Infantil A Galiña Azul. O custo do proxecto é de 77.047 euros.