A compostaxe comunitaria chega esta semana a Campolongo

Por Redacción

© Concello de Pontevedra

© Concello de Pontevedra
A concellería de xestión de Residuos arrincará xullo con oito novos centros de compostaxe comunitaria, que se atopan instalados na Parda, Valdecorvos e Campolongo. Con estas incorporacións, o centro urbano conta con 23 composteiros de similares características en funcionamento.
Segundo anuncia o concelleiro Raimundo González, responsable da xestión de Residuos, o mércores 1 de xullo poñeranse en marcha os reforzos das rúas Pintor Laxeiro e de Mestre Soutullo, na Praza das Regas, Valdecorvos.
Durante a tarde do mércores abrirán os composteiros de Antón Losada Diéguez e de Maruxa Mallo. Todos eles contan con dez módulos cada un, cunha fonte e caixas de estruturante. O Concello de Pontevedra anuncia a instalación dunha carpa coa presenza de tres "mestres composteiros" para informar a todas as persoas que queiran coñecer detalles sobre o tratamento dos biorresiduos nestes centros de tratamento.
CAMPOLONGO
Durante o xoves e o venres poñeranse en marcha os centros de compostaxe que xa se atopan instalados neste barrio da capital. As estruturas tamén contan con dez módulos, fonte e caixón para o estruturante. Están situados nas rúas Espincelo, Xeneral Rubín-Paseo de Valle Inclán, Iglesias Vilarelle e Alcalde Hevia-Rúa do Forno.
Tamén, neste caso, instalarase unha carpa informativa para atender aos residentes coa presenza de tres "mestres composteiros". Segundo as previsións municipais, o dous de xullo abrirase o centro da Rúa do Espincelo e o da Rúa Xeneral Rubín-Paseo de Valle Inclán. O venres pola tarde abrirase primeiro o de Iglesias Vilarelle e a continuación, sobre as 19.15 horas, o de Alcalde Hevia-Rúa do Forno.
Nos 15 puntos de compostaxe na cidade, trátanse ao redor de 750 toneladas de residuos anuais e coa incorporación dos oito novos, o goberno local quere alcanzar as 1.150 toneladas ao ano, un 8% da produción de biorresiduos do Concello de Pontevedra.
Relacionadas:
-
Campolongo estrea composteiros comunitarios
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Xa se poden empregar os novos composteiros da Parda e de Valdecorvos
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
187 establecementos do centro da cidade súmanse ao Plan Composta
Por Redacción |
-
O 6 de xullo comezará a recollida de residuos para compostar no centro histórico e no ensanche da cidade
Por Anxo Lourido |
-
Novo avance da compostaxe comunitaria: chega ao barrio de Campolongo
Por Natalia Puga |