Verbenas con máscara e un aforo máximo de 2.000 persoas a partir do 1 de xullo
Por Alejandro Espiño
Un día despois de que a Xunta comunicara os requisitos para que as discotecas e os locais de lecer nocturno poidan retomar a súa actividade, o goberno galego aclarou as condicións que terán que seguir as verbenas e as festas populares que se organicen a partir do 1 de xullo.
Estas medidas foron presentadas este venres polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña.
Ambos sinalaron que este protocolo foi elaborado por expertos sanitarios e será "gradual e reversible" no caso de que se detectaran brotes ou incumprimento das medidas.
A reanudación destas actividades articúlase en dúas fases. A primeira durará todo o mes de xullo e se regulará en base ás medidas incluídas no protocolo presentado.
A segunda fase comezará a partir do 31 de xullo e poderá supoñer unha ampliación do aforo, se a evolución epidemiolóxica e o cumprimento das medidas durante a fase un así o aconsellan. Iso si, manteranse as restantes medidas de seguridade e prevención.
No caso da verbenas, o aforo calcularase cunha persoa por cada tres metros cadrados e haberá fixados límites máximos. Así, nos espazos de 8.000 metros cadrados ou menos, o máximo serán 1.000 persoas e no caso de ter unha superficie superior, o máximo serán 2.000 persoas.
Para poder facer cumprir estes aforos, será preciso que a zona do evento estea delimitada. Deberá tamén un punto de entrada e de saída diferenciados.
O escenario deberá estar a, polo menos, catro metros de distancia do público e tanto os músicos como o público deberán portar máscaras de forma obrigatoria. Os vocalistas e intérpretes de instrumentos de vento son os únicos que poderán quitala durante a actuación.
En canto ás atraccións de feira, o aforo tamén se calculará en base a unha persoa por cada tres metros cadrados. Neste caso, o máximo será de 700 persoas nas superficies iguais ou inferiores aos 8.000 metros cadrados; e de 1.000 persoas no caso de superficies superiores.
As atraccións poderán ocuparse ata un máximo que permita manter a distancia de seguridade interpersoal e, se esta non se pode asegurar, reducirase ao 50% en cada fila, aínda que esta limitación non será de aplicación en caso de persoas que convivan no mesmo domicilio.
Nas atraccións que non teñan asentos, o aforo máximo será do 50 por cento. Neste caso, será tamén obrigatorio o uso de máscaras.
A Xunta activará un plan especial de vixilancia por parte da Policía Autonómica para comprobar que se están a cumprir as medidas sanitarias en todas estas actividades.