A Autoridade Portuaria de Marín rebaixará a taxa de ocupación para as concesións afectadas pola crise
Por Redacción
O Consello de Administración da Autoridade Portuaria de Marín mantiña un encontro telemático durante este xoves no que aprobaban un documento para aplicar a rebaixa de taxas de ocupación e a adopción de medidas urxentes complementarias para apoiar a economía e o emprego na área de influencia portuaria.
Segundo sinalan desde a Autoridade Portuaria, a situación de estado de alarma adoptada pola expansión da Covid-19 tivo un impacto directo no tecido económico e social de toda a zona, afectando á produción de diversos sectores empresariais. E desde a presidencia do Conselloconsideran que se adoptaron medidas para reducir a afectación da crise a provedores e a empresas situadas nas instalacións do porto.
Por este motivo, a Autoridade Portuaria aplicará unha redución da taxa de ocupación durante o presente exercicio a aquelas concesións e autorizacións que acrediten que sufriron prexuízos na súa actividade debido á situación de alarma sanitaria.
O Consello de Administración tamén aprobaba de forma inicial o Plan de Empresa 2021, acordado na reunión técnica que se mantiña anteriormente con Portos do Estado. Este Plan mantén as bases do vixente pero coas previsións condicionadas debido á crise actual. Neste documento tamén se establecen unha serie de actuacións co obxectivo de ofrecer unha dinámica económica ás actividades relacionadas co Porto.