O pleno de Caldas insta á Xunta a rematar a parcelaria de Saiar
Por Oskar Viéitez
A corporación municipal de Caldas de Reis celebrou na tarde do xoves o pleno ordinario correspondente ao mes de xuño, no que quedaron aprobadas diferentes cuestións de relevancia municipal.
No apartado de mocións, o pleno aprobou cos votos favorables do grupo de goberno e do BNG a moción do Partido Socialista na que se instou á Xunta de Galicia a rematar a concentración parcelaria de Saiar e a entregar os títulos de propiedade á veciñanza.
O proceso de concentración nesta localidade comezou no ano 1996, afectando a unha superficie de 947 hectáreas e a 1.030 veciños. En 2005 publicábase o acordo definitivo polo que se daba por rematado o proceso, pero 15 anos despois deste feito e 24 tras o inicio da parcelaria, os veciños aínda non recibiron os títulos que acreditan as súas propiedades.
Doutra banda, tamén se aprobou por unanimidade unha proposta do BNG para a limpeza do río Umia e saíu adiante cos votos de PSdeG-PSOE e nacionalistas a moción deste grupo para reclamarlle á Xunta melloras na cobertura sanitaria.
O BNG lamentou "que o PP siga antepoñendo os intereses partidistas aos intereses de Caldas" coa negativa do PP a apoiar a moción dos nacionalistas instando á Xunta á construción inmediata do novo centro de saúde.
Tivo luz verde por unanimidade o expediente de transferencia de créditos que contempla os 34.000 euros da parte económica que lle corresponde aportar ao Concello para o arranxo da pista interior do núcleo do lugar de San Martiño, na Entidade Local Menor de Arcos da Condesa.
A actuación ten un orzamento total de 73.102 euros. A cantidade restante é financiada pola Consellería de Vicepresidencia a través dunha achega correspondente á orde de subvencións para a "creación ou mellora de servizos municipais".
Unha vez autorizados os fondos municipais o proxecto continúa a súa tramitación administrativa e sairá a licitación o antes posible. A reparación do viario interior do núcleo tradicional de San Martiño conta xa con todas as autorizacións e permisos por parte da Dirección Xeral de Patrimonio e é froito de anos de traballo man a man entre o Concello, a Entidade Local Menor de Arcos da Condesa e a veciñanza de San Martiño, que levaba anos reclamando este proxecto.
Tamén aprobou unanimemente a incorporación ao inventario municipal de bens dos camiños afectados pola fase 1 do proxecto de saneamento de augas residuais de Paradela, na parroquia de Bemil. A intervención está orzamentada en 288.000 euros e serve para continuar avanzando no programa municipal de ampliación e mellora da rede de saneamento.
Relacionadas:
-
A Xunta cede dúas parcelas ao Concello de Caldas de Reis para as instalacións de depuración de augas residuais
Por Redacción |
-
Caldas investirá máis dun millón de euros no saneamento das augas residuais
Por Redacción |
-
Caldas organiza un ciclo de oito talleres para combater a violencia machista e fomentar o empoderamento da muller
Por Redacción |