Cuntis retoma a recollida de voluminosos
Por Redacción
O Concello de Cuntis anuncia que o servizo municipal de recollida de residuos voluminosos se reinicia tras a suspensión temporal derivada da crise sanitaria da covid-19. O servizo ofrecerase, como viña sendo habitual, todos os últimos xoves de cada mes.
Así mesmo, debido a que os meses de suspensión puideron favorecer o aumento de voluminosos nos fogares, o día 2 de xullo ofrecerase o servizo de xeito extraordinario. Calquera persoa que desexe facer uso da prestación de recollida pode informarse no teléfono 986 54 80 05.
A recollida de voluminosos suspendeuse durante a etapa máis dura da crise sanitaria da covid-19 debido á necesidade de extremar as precaucións e as medidas hixiénicas, mentres que a natureza dos voluminosos, habitualmente colchóns e outros enseres de uso doméstico, podían supoñer un risco de infección innecesario.
O Concello recorda que de ningún modo se poden depositar na vía pública materiais voluminosos sen notificar aos servizos municipais para a súa recollida. En calquera caso, cando nun domicilio existan residuos deste tipo que haxa que eliminar se agarde ao último xoves do mes para entregalos ou se contacte co Concello para que os xestione.
DOAZÓN DE SANGUE
Por outra banda, o Concello informa que unha unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), que integra o traballo do Centro de Transfusión de Galicia, estará presente o vindeiro martes, día 30 de xuño 16.00 a 21.00 horas na Praza do Concello.