A Xunta adxudica traballos de conservación en Santa María a Maior por máis de 275.000 euros
Por Oskar Viéitez
A Xunta vén de adxudicar este venres a Obras Gallaecia os traballos de restauración e conservación preventiva nun dos inmobles máis recoñecibles do patrimonio arquitectónico pontevedrés, a basílica de Santa María a Maior.
A actuación centrarase na envolvente do inmoble e a corrección de afeccións e consolidación dos elementos pétreos de carácter ornamental; mobilizará un investimento de máis de 275.000 euros e terá un prazo de execución de catro meses.
Con esta intervención preténdese reparar o actual deterioro de certas partes da basílica que acolle á primeira parroquia da cidade, especialmente das cubertas, para eliminar a entrada de auga de chuvia por canles, terrazas e faldróns. Tamén se van mellorar as condicións de ventilación interior a través da actuación nas carpinterías das vidreiras superiores e garantirase a estabilidade e seguridade da crestrería perimetral de remate da cuberta.
Neste sentido, está previsto realizar un cambio de tella da cuberta e a reposición dalgunhas placas deterioradas, así como reparar as canles de evacuación da auga da cuberta, que se vai impermeabilizar, xunto coa terraza da torre do campanario.
As actuacións previstas inclúen tamén a restauración das carpinterías das vidreiras e da crestería de remate da cuberta, así como a incorporación de ventilación permanente.
Finalmente, acometerase a limpeza e rexuntado con morteiro de cal das fachadas sur e da ábsida.