Oitava xornada consecutiva con 8 casos activos de Covid na área sanitaria
Por Diego Espiño
Nova xornada, e van oito seguidas, sen cambios na incidencia do coronavirus na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.
Segundo o balance ofrecido este venres 26 de xuño pola Consellería de Sanidade na área pontevedresa seguen sendo 8 os casos activos de Covid-19, unha cifra que non variou desde o pasado 18 de xuño e que mantén a Pontevedra e O Salnés como a zona sanitaria de menor incidencia de Galicia.
Segundo a última actualización de datos os hospitais de Montecelo, O Salnés e QuirónSalud Miguel Domínguez Pontevedra suman unha xornada máis sen contar con pacientes positivos en coronavirus hospitalizados en planta ou na Unidade de Coidados Intensivos.
Todos os casos activos evolucionan nos seus domicilios nunha xornada sen altas epidemiolóxicas, deixando a cifra de curados nos 893 pacientes desde o inicio da pandemia. Na área sanitaria faleceron 16 persoas relacionadas co Covid-19.
A nivel autonómico, segundo a última actualización da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 311, polos 333 do xoves. Deles 81 son da área da Coruña, 31 da de Lugo, 21 da de Ourense, 8 da de Pontevedra, 133 da área de Vigo, 26 da de Santiago, e 11 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 4 están en unidades de hospitalización e 307 no domicilio. Non hai pacientes positivos en UCI. Polo de agora, na comunidade hai un total de 10.590 persoas curadas, rexistrándose 619 falecementos.
O número de PCR realizadas é de 171.518 e o número de casos de coronavirus detectados en centros residenciais de servizos sociais supón o 0,01% do total das persoas residentes. Dos 331 casos positivos na comunidade, 4 son usuarios e un é profesional de centros residenciais. Do total de falecidos ata o de agora, 132 contabilizáronse en residencias e 142 en hospitais e residencias integradas.
Relacionadas:
-
Os contaxios de covid-19 estáncanse na área sanitaria
Por Oskar Viéitez |
-
Rexístrase un novo caso activo de Covid-19 na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés
Por Redacción |
-
Sen cambios na incidencia do coronavirus na área sanitaria: oito casos activos e ningún paciente curado novo
Por Redacción |
-
Rastrexan os contactos de dous mariñeiros de Marín que deron positivo por coronavirus ao regresar a España
Por Redacción |
-
A área sanitaria abónase aos oito casos activos de coronavirus
Por Natalia Puga |
-
Pontevedra mantense como a área sanitaria galega con menos positivos por coronavirus, estancada en oito casos
Por Natalia Puga |